Ourense acolle a Copa Deputación e unha gala dos campións galegos de patinaxe artística. O Club Ourela é o organizador desta dobre cita que terá lugar este sábado 19 en dous escenarios distintos: o pavillón do Campus universitario e o Pazo dos Deportes Paco Paz.
En xornada matutina, no Campus universitario, celebrarase, desde as 10.30 ata as 13.30 horas, a Copa Deputación. Nela participarán os patinadores da provincia. A presidenta do Club Deportivo Ourela, Nuria Rives, explicou que a Copa Deputación de Ourense será unha competición na que “participarán nenos e nenas dos clubs da provincia de Ourense, que son o Club Fénix e o Club Deportivo Ourela. Os rapaces competirán en todos os niveis e haberá tres xuíces da Federación Galega”.
Xa pola tarde, de 16 a 19:30, tocará o turno dos campións galegos. O evento trasladarase ata o Paco Paz para ver as exhibicións dos mellores patinadores da nosa comunidade a nivel internacional e nacional nunha gala de exhibición “por categorías de libres, parellas e grupos”, comentou Nuria Rives.
Participantes
En total serán preto de 60 patinadoras e patinadores, os que participen nesta xornada “nunha modalidade deportiva que se atopa en auxe e que cada vez son máis os nenos e nenas que se apuntan a esta disciplina”, dixo a presidenta do Club Deportivo Ourela.
“Operación Quilo”
Asemade, ambas celebracións contarán cun espazo solidario, a través da recollida de alimentos que estará nos dous recintos, destinados á “Operación Quilo” 2016. Manuel Seguín, da Asociación Amencer, agradeceu a colaboración con este tipo de iniciativas, dixo que a “Operación Quilo” é “a primeira actividade da asociación, a cal levamos realizando desde hai 30 anos, e que cada vez vai a máis”. Desde Amencer aconsellan aos que queiran levar alimentos, que estes sexan non perecedoiros.