O vindeiro domingo 20 de novembro conmemórase o Día Universal dos Dereitos da Infancia.

Con motivo da conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia o 20 de novembro, Cruz Vermella convidará aos ourensáns a colaborar co programa de Acollemento Familiar, lembrando o dereito de todos os menores a vivir en familia. Para iso achegará o programa a través dunha mesa informativa na rúa do Paseo (o venres de 11:30 a 13:30 horas) e un obradoiro de manualidades no Centro Comercial Pontevella (sábado de 17:30 a 20:30 horas).

Cruz Vermella xestiona en Ourense o programa «Familias Acolledoras» en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia dende 1996. Ao longo destes anos  298 menores teñen sido acollidos na nosa provincia.

Atopar a familia acolledora idónea para os casos de adolescentes, así como de  grupos de irmáns ou de menores con algún tipo de enfermidade soe ser o máis complicado. Neste momento Cruz Vermella conta en Ourense con 37  familias acolledoras, pero é preciso que máis familias entren a formar parte do programa para atender as necesidades de novos casos, especialmente para acollementos de bebés de entre 0-3 anos, acollementos de longa duración de adolescentes e preadolescentes, así como de grupos de irmáns.

Para ampliar a rede de familias, nos últimos meses Cruz Vermella desenvolveu  a campaña «En familia», por dereito que pretende chamar a atención sobre o dereito que teñen os nenos e nenas a vivir en familia, a ser protexidos, e recibir coidados, educación e amor.