A carreira popular decana de Galicia chega a súa 40ª edición con máis de 11.000 inscritos.

Todo listo para a San Martiño XL

Galicia enteira está preparada para unha nova edición da Carreira popular do San Martiño. A edición XL -40ª- esta prevista para este domingo 20 de novembro.

Coparán as rúas da cidade das Burgas os milleiros de atletas chegados de todos os puntos da nosa comunidade, que un ano máis estarán na liña de saída.

Números
Este ano o número de inscritos baixou con respecto ao do ano pasado e preto de 500. Aínda así, a cifra é para asustar; 11.271 entre as tres carreiras que terán lugar.

4.463 é o número de persoas que se anotaron para a proba absoluta, que dará comezo ás 11 horas cun percorrido homologado pola Real Federación de Atletismo de 10 quilómetros. Na proba escolar o número é de 4.151, e ás 12:30 h dará o pistoletazo esta carreira de 4.700 metros. E para a carreira de cativos, con 1.400 metros de percorrido con saída ás 13:15 horas, o número total de anotados é de 2.657.

Caixóns
Para que a saída sexa o mellor posible, a organización dispón de caixóns de saída onde se terán que colocar os participantes segundo a súa marca. Así, no caixón negro estarán ubicados aqueles atletas que posúan unha marca inferior aos 35 minutos (homes) e aos 40 (mulleres); no vermello os de marcas entre 35 e 40 minutos (homes) e 40 e 45 (mulleres); o amarelo para os que teñan unha marca entre 40 e 48 minutos e 45 e 55, homes e mulleres, respectivamente. E o caixón verde para os que non acrediten marca ou a teñan inferior ás citadas.

Ponte Vella
O Centro Comercial Ponte Vella porá a disposición dos participantes o aparcadoiro do centro comercial de xeito gratuíto.

Dorsais
Os dorsais poderanse recoller na cancha central do pavillón dos Remedio. Este venres de 16 a 20 horas ou sábado de 9 a 20 horas.

No mesmo recinto, o sábado ás 19 horas realizarase a cerimonia de premiación dos mellores de cada categoría do circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”, que rematou o mes pasado coa carreira da Carballeira.

Magosto
Un magosto popular no campo da feira é a maior novidade deste ano. O magosto celébrase a partir das 14:30 horas e o menú constará de bolos preñados, costela e castañas.