O Sala Ourense distingue, cada mes, aos mellores xogadores do equipo sénior e da base.
No mes de outubro foi Rubén Tizón Pérez o mellor xogador do equipo que milita na Segunda división B do fútbol sala. Gadeca é a empresa que patrocina este premio. Tizón suma 15 goles neste inicio ligueiro.
Brais Prieto Pereira, do xuvenil, foi o mellor xogador da canteira nese mes. Aceites Abril no trofeo que distingue aos mellores na base.
Pazos de Borbén
Unha xornada duroulle o liderato ao Sala Ourense na Terceira división. Os ourensáns lograran o primeiro posto logo de vencer, na xornada número 8, ao Casás e de descansar o Pazos de Borbén.
Porén, o destino fixo que se encontrarán na seguinte xornada para disputarse o liderato. Os ourensáns chegaban a Pontevedra cunha renda de dous puntos.
E despois de sete vitorias consecutiva chegaba a derrota en Pazos de Borbén e con ela baixaban, novamente, ao segundo posto.
Antes de comezar o encontro, Raúl Rivero resentuise dunhas molestias que lle impediron axudar aos seus compañeiros.
O inicio foi fulgurante e en tres minutos mandaban os homes de Kike García por 1 a 3. Diego – primeiro en propia porta e despois metendo os dous primeiros goles do Sala- e Tizón -o terceiro- puxeron esa vantaxe no marcador. Antes do descanso o Pazos recurtaría distancias (2-3).
Na segunda metade comezaron os problemas para os visitantes. Aos dous minutos, penalti e expulsión de Fente, que se converte no empate a tres. Dous minutos despois expulsión de Guerra e na inferioridade numérica do Ourense os locais toman a dianteira (4-3).
Un minuto máis tarde sería Tizón o que aproveitaría a superioridade -por expulsión dun rival- para devolver as táboas (4-4). Pero o Pazos lograría dous goles case seguidos para poñer terra de por medio (6-4).
Alli poñía emoción ao encontro con 6 a 5, pero a réplica non se fixo esperar e volvían os dous goles de vantaxe para os locais. Kike García optaba polo xogo de cinco que valeu para dar un gol a cada equipo e deixar o marcador no 8 a 6 definitivo.
Carballiño
Ao Carballiño tocoulle descansar e ocupa a décima posición con oito puntos.
A vindeira xornada será o Sala Ourense o que descansa e O Carballiño recibirá este sábado (16 horas, Paco Chao) ao Santiago Futsal B.