A carreira popular pedestre do San Martiño estivo pasa por auga, o que non impediu que a xente saíra en masa a participar desta edición.
En total foron 7.467 os atletas que lograron atravesar a liña de meta entre as tres carreiras disputadas: 3.539 o fixeron na proba absoluta; 2.378, na escolar e 1.550, na de cativos.
En canto á absoluta, Nuno Costa e Jocelyn Brea escribiron con letras de ouro o seu nome na lista de gañadores da decana das populares galegas. Nuno Costa foi o mellor dun ramillete de favoritos ao completar os 10.000 metros homologados nun tempo de 30 minutos e 28 segundos. Tras el chegaría o local, e dobre campión da San Martiño, Alejandro Fernández a 10 segundos (30:38) na segunda posición. O veterano atleta, Lolo Penas completaría o podio; o seu tempo de 31:02. O ourensán Rubén Diz sería oitavo a case dous minutos do gañador (32:21).
En mulleres, a pesar de que era unha das favoritas a podio, Jocelyn Brea deu a sorpresa. Brea rematou a proba en 35 minutos e seis segundos aventaxando en seis segundos a Ester Navarrete (35:12), segunda. Terceira en meta foi a favorita Solange Pereira que entraría en meta a un minutos e dous segundos da vencedora (36:08). Solange leva tres triunfos na proba ourensá sendo a única persoa que logrou tantas vitorias nos 40 anos de historia. Sonia Teijeiro foi a primeira ourensá, décima entre as mulleres, cun tempo de 38:31.
Arturo Ramos e Elsa Pena foron os vencedores na categoría escolar, e Alex Sierpes e Carmen Martínez, os mellores na de cativos.
Ourense despediu á San Martiño ata o ano que vén demostrando que nin a choiva pode co poder de convocatoria dunha proba que excede os límites do deportivo.
Un ano máis quedou claro que esta xoia ourensán é algo especial.