O 8º Salón do Automóbil-Vehículo Novo converteu a Expourense durante esta fin de semana no concesionario máis grande de Galicia ao que se achegaron ao redor de 7.000 visitas para coñecer as últimas novidades ofrecidas pola trintena de marcas presentes, que representa o 100% dos concesionarios oficiais da provincia de Ourense. Con moitos carteis de “Vendido” este domingo pola tarde, esta cita conseguiu satisfacer as expectativas dos expositores e, segundo afirman dende A.C.A.U.T.O., “polo momento parece que se manteñen os datos da última edición”. Os datos finais de vehículos vendidos darase o vindeiro domingo na clausura do Salón do Vehículo de Ocasión, xa que “ao longo desta semana, moitas das visitas que viñeron a Expourense e non se decidiron no momento, pecharán a compra nestes días”.
O feito de poder ver nun mesmo espazo toda a oferta en vehículos da provincia e o sorteo dun desconto de 6.000 euros (que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia) entre os que mercaran aquí o seu coche contrubuíu a acelerar o proceso de decisión dunha compra que require dun importante desembolso económico. Para facilitarlle á decisión aos visitantes, os concesionarios ofreceron prezos especiais de feira con descontos que ás veces superaban os 5.000 euros ou sorteos de estancias en balnearios.
Cun amplo abano de prezos entre os 8.000 e os 100.000 euros, este salón ofrecía modelos de coches para todas as necesidades. Preguntándolle aos expositores cál foi o modelo máis vendido no salón non pode sacarse unha conclusión clara, xa que se venderon modelos de todas as gamas, se ben parece ser que os SUV (todoterreos medianos) e os utilitarios de tamaño medio como foron os máis demandados.
Entre as novidades que máis chamaron a atención do público destacaron os modelos híbridos como o Toyota C-HR, que se presentou en exclusiva neste salón e que se vendía por 1.000 euros menos e co navegador como agasallo, e o Hyundai IONIQ que conta cun salpicadeiro fabricado con caña de azucre.
Repetiu presenza neste salón o Road Show de Mazda que permitía probar todas as novidades da marca acompañados de monitores da marca chegados dende distintas partes de España. Atenderon en total a máis de 300 interesados entre os que sortearán un curso de condución deportiva durante unha fin de semana en Albacete con todos os gastos pagados.
O 8º Salón do Automóbil continuará do 25 a 27 de novembro coa celebración da edición dedicada oo Vehículo de Ocasión no que volverán a estar presentesos 17 concesionarios asociados a A.C.A.U.T.O.