Boa xornada para o Club Ourense Baloncesto que logrou a vitoria nun campo que non se lle da nada ben. O COB venceu ao Barça B por 70 a 79 nunha nova xornada da LEB Ouro.
O ritmo alto favoreceu aos ourensáns que xa dominaban ao termino do primeiro cuarto (19 a 24).
A base de rebotear en ataque, os cataláns lograron achegarse no marcador. Pero nese momento tocoulle a Christian Díaz ser decisivo. Dúas triplas súas seguidas deixaban o marcador ao descanso en (36-43).
Despois do paso por vestiarios, o Barça B volveuno a intentar pero un gran Fran Guerra acompañado por Díaz e Kapelan mantiñan a raia ao conxunto local. O terceira cuarto remataría co COB cunha vantaxe superior á barreira psicolóxica dos 10 puntos (55-66).
No último cuarto o intentaron os de Alfred Julbe. Porén ao COB non se lle escaparía unha vitoria a base de traballo e esforzo, dúas cualidades que se deixaron no vestiario do partido anterior ante Araberri.
Agora o Club Ourense Baloncesto é noveno con nove vitorias. Dous apuntes a destacar: os xogadores recobran as boas sensacións e con esta vitoria están a unha dos cinco equipos que o preceden na clasificación (do segundo ao oitavo clasificado).