O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reiterou na Cámara autonómica que manterá aberto o diálogo cos pais e nais dos mozos e mozas con discapacidade psíquica e física do Centro de Educación Especial “Miño” de Velle, para establecer a configuración do novo centro de atención a persoas con discapacidade en Ourense.
O titular autonómico lembrou que ao longo do ano mantivo varias reunións con este colectivo para coñecer as súas demandas e para buscar unha solución conxunta ás mesmas no que respecta á construción deste novo centro de atención a discapacitados maiores de 21 anos, que se emprazará nunha parte do CEIP Mariñamansa. Deste xeito, e sempre tendo en conta as necesidades que formularon os pais e nais nestes encontros, se licitou a redacción do proxecto. Un feito que foi recibido, no seu día, de xeito positivo polo colectivo, que destacou a colaboración e o diálogo establecido coa administración autonómica.
Na actualidade, os pais e nais están a demandar diversas modificacións con respecto ao proxecto inicial no que colaboraron, polo que o conselleiro reiterou que manterá o diálogo co colectivo para atopar unha solución ás novas necesidades que formulan.
Así mesmo, Rey Varela reiterou que a xestión deste centro ocupacional e residencial para persoas discapacitadas maiores de 21 anos será pública, tal e como comprometeu meses atrás co colectivo de pais e nais. “Será un centro de xestión pública no que os mozos e mozas poderán continuar o seu desenvolvemento persoal”, apuntou o conselleiro e insistiu en que a man sempre estará tendida para axudar e escoitar as necesidades destes mozos e mozas con discapacidade e das súas familias.
Rey Varela pechou a súa intervención lembrando que “sempre estaremos a carón dos pais e nais, como fixemos ata o de agora, para atopar unha solución que repercuta no beneficio e benestar destes mozos e mozas con discapacidade”.