O Concello repartirá 2.000 euros en premios para tres modalidades: entidades, familias e escolares.

O Concello de Ourense, en colaboración coa Asociación de Belenistas de Ourense, convoca o XXI Concurso de Beléns Públicos con tres categorías: unha para asociacións sen ánimo de lucro e establecementos comerciais debidamente acreditados, beléns instalados nos domicilios particulares e alumnado de ensino non universitario.

O xurado repartirá un total de 2.000 euros en premios, e reservarase o dereito a deixar desertos aqueles premios que considere oportunos por non reuniren as condicións mínimas de calidade na súa confección e a súa decisión será inapelable. Os premios son, para a modalidade de Entidades, un 1º premio de 400 euros e un 2º premio de 300 euros; para a modalidade de Familiares e a de Escolares, o 1º premio será de 300 euros e o 2º premio de 200 euros.

Premio á orixinalidade: premio especial de 300 € á creatividade e singularidade nos materiais e no deseño xeral da montaxe do Belén, de entre todos os Beléns presentados a concurso en todas as categorías, podendo acumularse a calquera outro premio.

Todos os interesados en participar no concurso deberán formalizar as súas inscricións até o 15 de decembro, no Rexistro Xeral do Concello de Ourense.

As bases establecen que quedarán fóra desta convocatoria os beléns viventes e aqueles que teñan as figuras a unha escala superior a 1:1/4; así mesmo, quedarán excluídos do concurso aqueles beléns que non estean finalizados na súa totalidade na visita do xurado.

Os beléns deberán estar á vista e/ou abertos ao público en escaparates, vitrinas, mostradores, recunchos, etc. En lugares de máis difícil acceso como en centros de ensino, residencias ou casas particulares, a apertura ao público será como mínimo de dúas horas ao día, dentro do horario comercial, e terán que estar ben sinalizados cun cartel no exterior do edificio.