O Concello de Ourense, a través do seu Servizo de Rehabilitación, VPP e PERIs, está a tramitar 44 axudas noutros tantos inmobles pertencentes ás tres Áreas de Rexeneración e Rehabilitación Urbana (ARRUs) da cidade: a de O Polvorín – Camelias – A Carballeira, Seixalbo e centro histórico. Coas 15 axudas aprobadas este xoves en Xunta de Goberno local, o Concello xa outorgou 801.869 euros para proxectos de reforma en edificios.
“Hoxe aprobamos 8 axudas no ARRU Polvorín-Camelias-Carballeira, 4 no ARRU de Seixalbo e 3 no ARRU Casto Histórico, sumando un total de 224.875 euros. Trátase de instalación de ascensores, illamento ou rehabilitación de fachadas e de portais”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.
Vivendas baleiras
O último dos expedientes do Servizo de Rehabilitación é “unha noticia importante para Ourense en materia social e integradora, como é a aprobación definitiva polo IGVS e ordenación da publicación, para a súa efectiva entrada en funcionamento, das bases reguladoras do Programa de Vivendas Baleiras”, dixo o rexedor. Logo de se abrir un período de alegacións, as bases xa incorporarán os impresos de solicitudes. Isto faise grazas a un acordo entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo e a FEGAMP. “Cómpre salientar que o de Ourense foi o primeiro Concello de Galicia que solicitou a súa adhesión a este programa, xa o pasado 27 do mes de abril. É unha prioridade para o Concello de Ourense que quere mobilizar as vivendas baleiras existentes na nosa cidade para destinalas a alugueiro social”, afirmou.
A Lei de vivenda de Galicia establece que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en aluguer de vivendas baleiras, co obxectivo prioritario de favorecer o acceso á vivenda a colectivos singulares, en particular aos colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.
O custo máximo do aluguer será de 350 euros e nunca superior ao 30% dos ingresos do inquilino. O Concello será o encargado de propoñer as vivendas que se poidan incorporar así como os adxudicatarios das mesmas, sempre respectando os requisitos establecidos. Pola súa parte, a Xunta comprometese a proporcionar para as vivendas que se incorporen un seguro multirrisco do fogar e un seguro da garantía do cobro da renda.