A Xunta de Goberno local dalle un prazo de tres meses á comunidade de propietarios dos números 146, 148 e 150 para que procedan a executar a sentenza.

O Xulgado insta a executar a orde de derruba dun edificio en Marcelo Macías

A Xunta de Goberno local de Ourense requerirá  ás 90 familias propietarias das vivendas dos números 146, 148 e 150 da avenida Marcelo Macías a que procedan á demolición do edificio no prazo de tres meses, cumprindo así unha sentenza xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Un tema “espinoso e certame penoso”, opinaba o alcalde, Jesús Vázquez, ao dar conta del na rolda de prensa trala Xunta de Goberno deste xoves,  por canto os pisos tiveron no seu momento “as licenzas oportunas de construción e de ocupación, a xente que comprou neses edificios os comprou con toda a legalidade”. As licenzas resultaron anuladas ao anularse o PXOM de 2003, que lles daba cobertura.

“A partir deste momento haberá que esperar polo transcurso do prazo concedido para posteriormente adoptar as resolucións que no seu caso procedan sobre a execución. Trataremos de buscar unha solución vía novo PXOM, pero para eso é preciso poñer dacordo a todos os grupos políticos”, sinalaba Vázquez Abad.

Comunicado da comunidade de propietarios

Tras coñecer o anuncio da Xunta de Goberno local, a Comunidade de Propietarios do Edificio Marcelo Macías 146,148 e 150, emitiu un comunicado no que se indican que se sinten “enganados” polo promotor  (Proinova primeiro, Nova Caixa Galicia División Grupo Inmobilirio despois e neste momento Abanca Corporación) pois  “ninguén puxo en coñecemento dos consumidores, terceiros de boa fe, a existencia de ningún preito”.

Nel tamén critican a “pasividade” do Concello de Ourense ao longo destes anos. “Non só non adoptou ningunha medida tendente a resolver as deficiencias que determinou a nulidade da PXOM 2003, nin tampouco incorporou a ordenación (…) á ordenación urbanística provisional, nin tampouco aprobou un novo Plan ou unha modificación do Plan vixente, que permitise recoller a ordenación desta parcela”.

“Se, finalmente, se produce a demolición do edificio, 90 familias serán privadas das súas vivendas, adquiridas de acordo con todos os requisitos legais e as consecuencias patrimoniais desa decisión, con toda seguridade, serán soportadas polo Concello de Ourense e, lamentablemente, polos nosos concidadáns que han de pagar tamaño despropósito”, apuntan.

Recordan que o edificio está hoxe en situación irregular “pola única e exclusiva causa de anulación da PXOM 2003, anulado por cuestións diferentes ao recurso exposto contra a ordenación do edificio da rúa Marcelo Macías que foi desestimado”. Por tanto, consideran que é ao Concello de Ourense “a quen principalmente lle resultan imputables as consecuencias que deriven de que poida demolerse a edificación”.

Tamén critican que o Concello de Ourense eluda as súas responsabilidades e aprobe en Xunta de Goberno local “a pretensión de que nós mesmos demolamos o edificio no prazo de tres meses”, pois, sinalan, a sentenza “ordena ao Concello de Ourense (non aos moradores do edificio) a demolición do realizado ao amparo da licenza anulada e a restitución do terreo obxecto de edificación ao seu estado anterior ou situación primitiva”.

Conclúe o comunicado dos propietarios destas vivendas que “a angustia que a moitos de nós ocasiona esta situación, é facilmente entendible, non require maior explicación nin detalle pola nosa banda”.

Valoración de Ourense en Común

Tras coñecer a sentenza,  Martiño  X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común, acusou ao Partido Popular de ser o “responsable único” da situación, por aprobar en 2003 un PXOM “en contra de criterios técnicos e a favor de determinadas persoas e que anos despois a xustiza tivo que tumbar”. En particular, o voceiro da “marea” ourensá apuntou  coma responsables ao ex alcalde Manuel Cabezas e ao actual concelleiro de Urbanismo, Jesús Cudeiro, a quen lle pediu “que deixe de favorecer intereses privados, procurando pelotazos urbanísticos e que traballe en presentar un texto definitivo do Plan Xeral paraque por fin Ourense teña un urbanismo estable e sólido e aproveitemos para soluciónar o problema destas familias”.

Antecedentes

Xa en outono de 2013, cando se coñecera a sentenza do Xulgado do Contencioso que anulaba a licenza de obra do inmoble, a daquela concelleira de Urbanismo, Áurea Soto, via difícil unha posible legalización no novo Plan Xeral.  A socialista apuntara entón que a modificación do planeamento “é admisible cando responde ao interese xeral”, pero non se a súa finalidade é legalizar a edificación.

Soto xa preveía que no caso de que o TSXG ratificara a anulación de licenza e pedirá a demolición da edificicación –como así foi- o Concello de Ourense se enfrontaría a importantes reclamacións de responsabilidade patrimonial, pois tanto a licenza de obra como a de ocupación foran regradas.

Naquela altura, a edil de Urbanismo resaltaba o que para ela fora “unha das máis esaxeradas recalificacións do PXOM de 2003”: un ámbito no que o Plan Xeral de 1986 permitía a construción de tres vivendas unifamiliares de baixo e unha altura, multiplicou por dez a súa edificabilidade no PXOM de 2003 aprobado polo PP. Ata oito alturas posibilitaba construír a normativa urbanística de 2003, decisión que a Soto sorprendía por canto en Marcelo Macías a construción consolidada era a de baixo e 4 plantas.