Concello de Ourense e Deputación Provincial de Ourense queren impulsar a creación de tres novos museos dos ámbitos infantil, histórico e etnográfico no casco vello da cidade. Así o acordaron na xuntanza do 28 de novembro do Comité de cooperación permanente que existe entre ambas administracións. En concreto, son os museos da “Roda de Afiar”, dos “Bolechas” e de “Arte Medieval de Ourense”.
Segundo explicou Manuel Baltar na reunión tratáronse temas “relacionados coa realidade museística e co turismo no casco histórico, para situar en 2017 nesta contorna, no que antes se coñecía como a Casa da Maxia, o museo dos ‘Bolechas’, relacionado coa infancia e coa protección e promoción da nosa lingua, instalación que sería un punto de atracción para Galicia e tamén para o Norte de Portugal, país onde estes personaxes infantís están a acadar tamén un grande éxito”. Para a musealización deste espazo a Deputación de Ourense destina nos orzamentos de 2017 unha cantidade total de 200.000 euros.
O presidente provincial anunciou tamén a ubicación, na rúa Monterrei do Casco Vello, nun edificio propiedade da Deputación, do museo da “Roda de Afiar”, “que ten en Florencio de Arboiro un singular embaixador e investigador, museo contemplado no Plan de mandato Ourense 15-19 e que precisa contar na capital cun espazo que permita realizar visitas didácticas de escolares, investigadores e público en xeral”.
No que atinxe ao museo de “Arte Medieval”, Baltar dixo que a Deputación de Ourense “está disposta a estudar calquera forma de colaboración, que pode implicar os ámbitos da xestión, os recursos humanos ou o desenvolvemento de guías e roteiros de ámbito provincial relacionados con este museo”. O Concello, explicou o alcalde, Jesús Vázquez, traballa no proxecto deste museo, que se ubicará ao carón do claustro de San Francisco, no espazo que un día ocupou a igrexa de San Francisco e no que deixará libre o albergue de peregrinos. “Actualmente se está a traballar no ámbito arqueolóxico para elaborar o proxecto e sacalo a concurso; estará destinado a arte románica e gótica”, precisou.
Seguimento
Técnicos da Deputación e do Concello serán os encargados de facer o seguimento destes acordos para presentar o seu estado de desenvolvemento na vindeira xuntanza, que terá lugar no primeiro trimestre de 2017.
Ourense en Común ve contraprogramación
Coñecido o anuncio destes tres espazos museísticos a través dos medios de comunicación, o voceiro de Ourense en Común, Martiño X. Vázquez, amosou a súa “cautela” ante a proposta, ao considerar que é máis importante “a inversión en contidos e non en continentes”. “Entendemos que estas inversións deben ir orientadas aos contidos e proxectos coherentes e non tanto na creación de novos equipamentos”, dixo Vázquez, apuntando á “hipoteca” que supón, por exemplo, a Cidade da Cultura en Santiago.
No caso concreto do museo de “Arte Medieval”, o portavoz de OUeC aludiu a que este anuncio “amosa o total descoñecemento das necesidades e demandas do sector museístico de Ourense”. Refírese a que o propio Museo Arqueolóxico -pechado desde fai máis dunha década por falta de investimentos públicos na súa rehabilitación- “conta no seu proxecto, redactado por técnicos competentes, con contidos específicos a propósito da cidade medieval”. Por iso cre que se está “a contraprogramar ao Museo Arqueolóxico”.
Moción urxente
Nese sentido, Martiño X. Vázquez anunciou unha moción pola vía de urxencia para debater no pleno municipal do venres 2 de decembro, “que solicite a redefinición colectiva dese proxecto atendendo as necesidades e demandas reais da rede de museos de Ourense”, e a través da cal se reclame “un comunicado oficial e institucional dos catro grupos para que dunha vez portodas exista financiación desde o Ministerio para a reapertura de portas do Museo Arqueolóxico”.