O colectivo Stop Desafiuzamentos explica que este martes se inaugura o alumeado navideño de Ourense «mentras nas casas de moitas familias o único alumeado do que disporán será unha mísera vela por non ter os recursos económicos para poder custearse este servizo».
Neste sentido, desde a plataforma din que non comprenden nin aceptan «como desde unha administración pública como o Concello se fai tan pouco por loitar contra a pobreza enerxética, á que moitas familias ourensanas se están enfrontando namentres máis de 80.000 euros das arcas municipais vanse gastar no alumeado navideño».
«Ao Goberno municipal, antes que a iluminación de Nadal, deberíalle preocupar moitísimo máis que a poboación de Ourense teña acceso a subministros básicos como a auga e a electricidade, e cando se solicita a súa actuación non dar a calada por resposta ou dicir que non é a súa competencia ou derivar o problema das familias a Ong«, reprochan nun comunicado.
Stop Desafiuzamentos pide a toda a sociedade ourensá que se implique na esixencia ás administracións responsables para que garantan unha vida digna para todas as familias.“Non podemos entender que mentres sigan sufrindo moitas familias, se malgaste na iluminación na rúa, queremos o nadal para todos, con emprego, vivenda digna con luz, auga e gas, educación e sanidade universal… Non queremos máis palabras nin mentiras, queremos solucións aos problemas que viven nestes mesmos momentos moitas familias cos seus maiores e fillos, con frío e sen poder quentarse nin facerse o xantar.”
“Estamos a falar de dereitos humanos básicos que se lles negan a moitas familias día tras día, non podemos permanecer impasibles mentres vemos o sufrimento de moitas das nosas familias, hoxe seguimos a campaña co obxectivo de conseguir que non se sigan vulnerando os dereitos humanos destas familias, a vivenda digna non o é, se non ten garantido a subministración de luz, gas e auga».