Nenos e nenas de Ourense terán a oportunidade de gozar dunha nova edición do programa «Mañás de Nadal», que organiza a Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración da Concellaría de Xuventude de Ourense. A concelleira Sofía Godoy e os representantes de Amencer Manuel Seguín e Martín Rejo presentaron o programa e o concerto solidario dos grupos do Espazo Lusquiños no que se recollerán alimentos para a Operación Quilo..
«Mañás de Nadal» desenvolverase durante as vacacións escolares de Nadal, desde o día 26 de decembro ata o 5 de xaneiro, para nenos desde 1º de Infantil (de 3 anos) ata 2º da ESO incluídos. Contará con 72 prazas para escolares de Infantil e 84 para os de Primaria e 1º e 2º de ESO.
Esta actividade ten como obxectivo favorecer a creatividade de fillos e fillas, a participación e o traballo en equipo e, a través do xogo, axudarlles a crecer como persoas e a que asuman o risco de coñecerse a sí mesmos.
Búscase proporcionar aos nenos unha integración completa coa contorna natural, social e cultural fomentando a súa capacidade de participación e promovendo a convivencia e o coñecemento mutuo. Os nenos e as nenas participantes realizarán actividades moi diversas, como animación á lectura, obradoiros, psicomotricidade, deportes, novas tecnoloxías, ludoteca, xogos organizados, termas, visita á biblioteca e a Pazolandia, cine no Auditorio…..
O horario será de 10:00 a 13:30 horas os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro. Tamén haberá servizo de gardería, de 9:00 h – 10:00h e de 13:30 h – 14:00h.
Concerto solidario para a Operación Quilo
Os grupos musicais que ensaian no Espazo Lusquiños da Mocidade ofrecerán o venres, 16 de decembro, un concerto solidario, para apoiar á Operación Quilo que realiza Amencer. Será ás 20:00 horas, no propio espazo Lusquiños, e a entrada simbólica consistirá nun quilo de alimentos.
Esta actividade enmárcase na Operación Quilo que a Asociación Xuvenil Amencer leva organizando desde 1986. O obxectivo é axudar ás familias máis necesitadas da cidade de Ourense, conseguindo para elas alimentos e xoguetes durante a campaña de Nadal.