Publicado un novo número de Ourense por Barrios

O inicio «oficial» do Nadal en Ourense, co acendido da iluminación navideña, é a imaxe de portada do número de novembro de Ourense por Barrios.

No interior da publicación, prestamos atención á aprobación por PP e PSOE do Plan de Investimentos presentado polas asociacións veciñais e dotado con máis de 12 millóns de euros. E tamén á  orde de derruba que pesa sobre un edificio da rúa Marcelo Macías e que podería deixar sen fogar a 90 familias.

 

Asemade, recollemos informacións sobre a actualidade dos nosos barrios, como a nova de que por segunda vez quedou deserto o concurso para adxudicar a Praza de Abastos da Ponte, a renovación do parque da Casa da Cultura da Valenzá, ou unha entrevista á presidenta dos comerciantes de San Francisco, Cristina Peña.

A pretensión de Deputación e Concello de abrir tres novos museos na cidade, o rexeitamento por parte da Plataforma ProCAPD ao proxecto de centro presentado pola Xunta, ou o inicio da Operación Quilo de Amencer son outros dos contidos informativos deste número.

Non faltan tampouco sección habituais como as imaxes do mes, a actualidade deportiva ou os artigos dos nosos colaboradores.

Podes consultar estes e outros contidos do periódico neste enlace.