O Concello de Celanova acolleu unha reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de Celanova, José Luís Ferro Iglesias e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.
Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 23 de outubro de 2015, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá e fixeron fincapé na importancia de colaboración entre a Policía Local do Concello de Celanova e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Na Xunta Local de Celanova analizáronse os datos relativos á delincuencia na comarca durante o ano 2015 – Xaneiro – Setembro de 2016, e que expresan unha tendencia constante á baixa na totalidade das infraccións penais, sendo esta baixada máis acusada no referente aos delitos. Os índices de esclarecemento soben levemente e as detencións descenden. En cambio ascenden lixeiramente as infraccións contra a seguridade vial e as administrativas.
Declaracións
O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, loubou o traballo desenvolvido polas Forzas e Corpos de Seguridade na comarca que se reflicte na baixada das estatísticas amosadas hoxe na Xunta de Seguridade e agradeceulle ás mesmas “a súa permanente entrega e constancia ao benestar da cidadanía; xa que seguen a traballar sen esquecer nunca ningún caso aberto”. Castro tamén incidiu na atención sobre o comportamento dalgúns condutores nas vías de comunicación e animounos a ser máis prudentes nos seus hábitos de condución.
Pola súa banda, o alcalde de Celanova, José Luís Ferro, agradeceulle ao subdelegado do Goberno a sintonía permanente de colaboración co seu concello das Forzas e Corpos de Seguridade. “que manteñen coa Policía Local unha estreita colaboración”.