Axilizar os trámites para a construción da autovía A-76, impulsar as expropiacións e as obras da circunvalación de O Barco, unha boa conexión da futura estación do AVE en A Gudiña con Valdeorras, a mellora do transporte público na comarca e da estrada PO-533 foron algunhas das demandas que o deputado do Grupo Popular Moisés Blanco recolleu do presidente da Asociación de Empresarios de Valdeorras, Javier González Paradelo.
Moisés Blanco comprometeuse a trasladar ao presidente da Xunta, de cara á próxima entrevista que celebrará co ministro de Fomento, a solicitude dos empresarios de Valdeorras para que se axilicen para o remate da redacción dos proxectos A Veiga de Cascallá-O Barco (leste), Villarmartín de la Abadía-Requejo e Requejo-A Veiga de Cascallá e se poida acelerar a licitación destes primeiros tramos.
Circunvalación do Barco
Así mesmo, o deputado popular apuntou que levará adiante as xestións oportunas para que se axilicen as expropiacións dos terreos necesarios para a execución da circunvalación do Barco, demandando incluso que se incorpore unha partida nos orzamentos xerais do Estado de 2017 para que sexa posible licitar estas obras.
Na reunión celebrada entre Blanco e Rodríguez tamén se falou da necesidade de construír unha estación de AVE en A Gudiña e mellorar a súa conexión con Valdeorras. “Consideramos esta infraestrutura imprescindible para dar servizo de conexión ferroviaria con Madrid a toda a comarca de Verín, das poboacións do norte de Portugal e tamén da comarca de Valdeorras”, indicou o deputado popular.
Outra das cuestións que se abordou na xuntanza foi a mellora do transporte público na comarca de Valdeorras, coa posta en marcha de novas liñas de autobús que poidan dar servizo a todos os concellos. En concreto, Moisés Blanco dixo que “é necesario que no novo Plan de Transporte Público de Galicia se aborde unha reordenación das concesións das liñas de autobús e unha nova planificación do sistema de transporte público, co obxectivo de buscar solucións para as dificultades de comunicación no rural e a integración do transporte a demanda”.