O pleno do Concello de Barbadás aprobou a última hora do luns o orzamento para o ano 2017, que crece un 1,17% con respecto ao exercicio actual, pasando de 6.206.204 euros ata 6.279.895. Segundo o tenente de alcalde Xosé Manuel Fírvida, trátase duns orzamentos moi limitados, que mesmo chegou a definir de “raquíticos” e que “en realidade correspóndense coas cifras de concellos con moito menos poboación”. O portavoz do BNG en Barbadás abondou nesta circunstancia, xa que “nistes momentos temos mais de 13.000 habitantes residindo no termo municipal –moitos deles dunha idade moi nova- aos que temos que prestar servizos educativos, preescolar, deportivos e de atención á xente maior.
A situación, segundo se puxo de manifesto no pleno, “é o resultado deixado en herencia polos 28 anos de goberno do PP, que ligou todo ao crecemento urbanístico, mais carecemos de parque industrial ou comercial, polo que os ingresos municipais proceden exclusivamente da participación do Estado, da Xunta e de impostos e transferencias das familias”.
Fírvida sostén que a pesa das dificultades comentadas “conseguimos casar as contas sen subir a presión recadatoria: conxelamos taxas, impostos e prezos de servizos públicos; diminuimos o IBI un 8%, que é o máximo que permite o Ministerio de Facenda, ao acollernos á revisión catastral aplicando o coeficiente do 0,92% aos valores catastrais do concello, que implica a reducción do IBI nun 8%”.
As contas do próximo exercicio contemplan a prestación de novos sevizos, como a apertura dun Punto de Atención á Infancia en Bentraces, que funcionará ó longo do 2017; levar servizos ao rural, ademais de A Valenzá, e para aqueles nenos e nenas que non tiveran praza na gardería pública do concello. Tamén se incrementan as axudas ao Banco de Alimentos e suben as axudas de emerxencia social e atención benéficas, así como o apoio para a compra de medicamentos por parte de familias con problemas económicos.
No eido económico-empresarial ten especial consideración no orzamento o fomento do emprego, coa consolidación das axudas a empresas de nova creación e subvención para as empresas que se creen en 2017. Ademais funcionará o niñeiro de emprsas para fomento do emprego, que ofrecen lugar a iniciativas empresariais ou emprendedoras con todos os servicios prácticamente gratuitos, xa que establece unha cota de uso de dez euros mensuais.
Asimesmo, increméntanse as partidas dicadas ás asociación veciñais e deportivas, en concurrencia competitiva. Por outra parte, o concello seguirá traballando na loita contra a violencia de xnénero.
No transcurso da sesión puxéronse de manifesto os problemas de ingresos, pois a concesión de recollida do lixo realizada polo PP no ano 2007, por un periodo de 25 anos, establece unha cláusula que permite á concesionaria mudar as condicións de maneira unilateral ao aumentar a poboación. Implica pasar de pagar 384.000 euros a 470.000, que son 86.000 euros mais.
En cuanto aos órganos de goberno, o custo dos salarios dos membros do goberno descende en 35.800 euros fronte aos últimos orzamentos do PP, correspondentes ao ano 2015, o que significa un 24,86% menos. O custe total da Corporación diminuiu un 5,83%, tendo en cuenta que ésta pasou de 13 a 17 concelleiros.
Por último, o Concello reclamou á Xunta a inmediata posta en marcha do transporte metropolitano, pois suporía unha mellora importante para os usuarios de Barbadás, e un aforro notable para o Concello, que asume agora unha importante partida para subvencionar o bonobús.