Baltar salienta que o proxecto orzamentario “é un programa para cumprir e apunta á procura do equilibrio territorial”, mentres que Presas afirma que en termos absolutos Ourense é a provincia menos orzamentada.

PP e BNG discrepan sobre se hai equilibrio territorial nos Orzamentos da Xunta

Coñecido o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2017, toca facer valoracións sobre como tratan á provincia de Ourense. Este luns realizáronas os deputados do Partido Popular, e a deputada do BNG, con opinión diverxentes.

Para o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, nas contas hai unha firme aposta polo rural, como defensa do territorio e para crear riqueza, máis recursos para o fomento do emprego e unha política baseada nas persoas para a mellora social. Trátase dun proxecto que para Baltar desvela “un programa que se vai cumprir e que apunta á procura do equilibrio territorial”.

Entrando ao detalle, os parlamentarios populares José González e César Fernández Gil detallaron algúns dos aspectos máis destacados do proxecto orzamentario na provincia, salientando o incremento próximo ao 20 % en Medio Rural (con preto de 70 millóns de euros), a suba do 16,2 % en Economía e Emprego (ata os 16,8 millóns) e o 60 % de incremento en Política Social (máis de 3 millóns),

José González subliñou que o interior de Galicia “recibe máis fondos que o eixo atlántico para paliar a súa desvantaxe, situando o gasto total da Xunta por habitante na provincia de Ourense en 3.550 euros”, engadindo tamén que “se pode consolidar o crecemento económico con máis gasto público, máis investimentos e unha política fiscal que dá as familias, especialmente ás de rendas mais baixas, unha maior capacidade de consumo”.

A transversalidade foi o aspecto salientado por César Fernández Gil, apuntando que “a aposta polo medio rural se pode observar no conxunto dos orzamentos, o que se traduce nun importante número de medidas para impulsar o desenvolvemento dunha provincia na que máis do 80 % do seu territorio é rural”.

Ourense, a provincia que menos recibe

Desde o BNG, a súa deputada por Ourense do BNG, Noa Presas, compareceu en rolda de prensa acompañada polo deputado provincial Ramiro Súarez e do responsábel local Xosé Fernández Baltar para valorar o borrador de orzamentos da Xunta de Galiza. O BNG afirmou non compartir a análise da Xunta de que nestes orzamentos se aposta polo reequilibrio territorial, pois en termos absolutos Ourense é a menos orzamentada por moito que por habitante reciba unha contía superior.

“As afirmacións da Xunta son propaganda, seguimos á cola en investimentos e non abordan necesidades básicas para unha poboación tan envellecida como son a dependencia ou a sanidade. A este respecto, o Plan director de Ourense é insuficiente e son necesarios investimentos especificos para os hospitais de Verín e Valdeorras así como para mellorar a atención primaria e garantila nas poboacións rurais” afirmou Presas. “

O BNG recordou que “esquecen sectores estratéxicos. O investimento en investigación é insuficiente e a consellería de Medio Rural, fundamental para a provincia, apenas incrementa recursos e os consignados para incendios e pragas non son suficientes”

A respecto da cidade, o BNG avaliou que o groso do orzamentado se corresponde con infraestruturas xa comprometidas de vello e hai carencias coma o saneamento do Barbaña, a aposta polo termalismo ou a creación dunha nova galescola. Recordaron que estarán vixiantes para que o referido ao centro de discapacidade cumpra coas demandas das familias e que cuestións como a área metropolitana non fiquen nun brinde ao sol como no pasado.

Nin os deputados ourensáns de En Marea nin os do PSdeG realizaron polo momento ningunha convocatoria pública para valorar como afectan os Orzamentos da Xunta á nosa provincia.

Valoración dos orzamentos na nosa cidade

Si o fixeron os grupos municipais no consistorio ourensán. Nunha primeira e rápida valoración do que os Orzamentos da Xunta de 2017 deparan para a capital ourensá, desde o grupo municipal socialista, José Ángel Vázquez Barquero cuestionaba que non se concretara o balneario prometido polo presidente da Xunta. Desde Ourense en Común,  Martiño X. Vázquez consideraba “unha trampa” a primeira fase do futuro centro CAPD de Ourense. Pola súa banda, Gonzalo P. Jácome non quixo facer valoracións: “se votó a un grupo de gobierno (na Xunta), que apanden con el”.