O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, mantivo un encontro cos alumnos dos cursos para desempregados que imparte o Centro Integrado de Formación Profesional Santa María de Europa.

A Xunta aposta por centros de formación que respondan ás demandas dos sectores estratéxicos

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou este mércores os alumnos e alumnas que están a participar nos cursos de formación para desempregados que apoia a Xunta e que se están a impartir no Centro Integrado de Formación Profesional Santa María de Europa de Ourense.

Na súa visita, o director xeral destacou a importancia de que os centros de formación estean “en constante evolución” para poder dar resposta de xeito áxil ás demandas dos sectores estratéxicos e emerxentes.

Na actualidade, o centro acolle 6 accións formativas nas que se están a formar 90 alumnos e alumnas. Ao longo deste ano desenvolvéronse neste centro cursos nas especialidades de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión; mecanizado por abrasión, electroerosión e procedementos especiais; operacións auxiliares de fabricación mecánica; montaxe e mantemento de instalacións frigoríficas; mecanizado de madeira e derivados; docencia de formación para o emprego; operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e operacións básicas de cociña.

Ademais, no Centro de Formación de Valverde, en Allariz, que depende do CIFP Santa María de Europa, tiveron lugar este ano 4 accións formativas prácticas nas especialidades de operacións básicas de cociña e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais nas que tomaron parte 60 alumnos e alumnas.

Programas

O director xeral, por último, informou ao alumnado sobre diversos programas que ten en marcha a Xunta, entre os que puxo en valor as lanzadeiras de emprego de fomento do emprendemento e autoemprego, que se levan a cabo coa Fundación Santa María La Real e co apoio da Fundación Telefónica. Esta actuación axuda aos mozos e mozas galegos sen emprego a posicionarse mellor no mercado de traballo ofrecéndolles reforzar as súas competencias e descubrir novas habilidades para obter un posto laboral ou desenvolver o seu propio proxecto empresarial.

Así mesmo, indicou que os programas integrados de emprego que están en marcha teñen como obxectivo o desenvolvemento de plans que combinen accións de diversa natureza, como orientación e asesoramento, formación, prácticas laborais e mobilidade xeográfica. Ademais, o programa establece uns obxectivos de inserción laboral dos traballadores que participan nel. O obxectivo de inserción laboral debe ser, polo menos, do 30 % das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

Outros dos programas aos que se referiu o director xeral foron as Unidades de Formación na Empresa para impulsar a especialización e capacitación co compromiso de contratación. Así mesmo, indicou que a Xunta conta con 56 técnicos de orientación ou titores que deseñan itinerarios de emprego específicos para a mocidade.