Os goles dos Martínez (Julio, Aitor e Fran) danlle o pase a eliminatoria para os cuartos de final á UD Ourense diante do Arenteiro.
Neste segundo encontro da eliminatoria preto de 1.500 persoas acudiron a Espiñedo para ver o desenlace desta eliminatoria.
Comezou de cara para os de Antonio Dacosta cando no minuto cinco adiantábanse co gol de Julio Martínez ao rematar un saque esquina. Na xogada anterior Unai non foi quen de batir ao porteiro local, quen despexou a córner propiciando a xogada do gol.
Sen tempo para nada máis que sacar de medio campo, o Arenteiro devolveu as táboas co gol de Varandela. Pouco a pouco os de Manel Vázquez foron gañando terreo e a súa posesión transformouse nun novo gol de Varandela (2-1) e a eliminatoria estaba aberta.
Estes minutos foron os peores dos unionistas, que eran sobrepasados polo xogo dos locais. Ata que, a un minuto do descanso, un pase entre liñas de Rubén Durán chega a Aitor Martínez que regatea a Pachi e logra un novo empate (2-2). Descanso en Espiñedo e todo aberto para a segunda metade.
Tralo paso por vestiarios o Arenteiro buscou darlle a volta a eliminatoria. Porén foi a UD Ourense o que lograría o terceiro. Durán colleu un balón en campo propio, e tras unha gran galopada cede a Fran Martínez quen, de tiro raso, logra o terceiro tanto.
Eliminatoria encarrilada para os capitalinos. A partir dese momento, os do Carballiño baixaron os brazos e comezaron a pensar no partido de liga do vindeiro domingo fronte ao Caselas. Aínda así, lograron empatar o partido cun gran gol de falta de Iván Portos (3-3).
O partido non daría para máis e a Unión Deportiva Ourense estará no sorteo do vindeiro luns para coñecer os emparellamentos de cuartos de final da Copa Deputación.
Polígono – Ribeiro
No outro partido de Copa deste xoves o Polígono venceu ao Ribeiro por 2-1. O 3-0 do partido de ida foi determinante para que os de Ribadavia sexan os cuartofinalistas.
Resto de partidos
O resto das eliminatorias decidíronse o martes. O Antela venceu a domicilio ao Taboadela e pasou aos cuartos; o empate entre Francelos e Velle supuxo o pase dos segundos; o Verín 5, Sporting de Celanova 0 fixo que pasaran os do val do Támega; o empate a dous entre Allariz e Viana clasificou aos primeiros e a contundente vitoria do Bande (5-0) os meteu nos cuartos en detrimento do Xunqueira.