Presentouse a segunda edición da guía do fútbol provincial. O Centro Cultural Marcos Valcárcel foi o lugar elexido para a presentación dunha publicación que conta co apoio da Deputación de Ourense.
O obxectivo da mesma é difundir e promocionar o fútbol ourensán en todas as categorías. Para elo, están todos os equipo ourensáns de fútbol que van desde a Terceira división (co Barco e Barbadás) ata os dous grupos da Terceira rexional, pasando polos dous equipo femininos que temos na provincia. Tamén hai un oco para a base, o estamento arbitral e datos históricos, estatísticas, reportaxes e entrevistas.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou que esta iniciativa, única en España, “contribúe a fomentar a práctica deportiva e pon en valor a ilusión e o esforzo de xogadores, directivos, equipos e afeccionados do noso fútbol provincial”.
Javier Taboada, un dos creadores da guía, remarcou “a boa saúde” do fútbol provincial subliñando que a provincia de Ourense “conta con máis de 4.500 deportistas federados, algo que non acontece noutros lugares”, e destacou tamén “o grande número de afeccionados que cada fin de semana asiste aos partidos nos campos de fútbol por toda a xeografía ourensá”.
Prezo
A recadación que se acada coa venda da guía, que ten un custe de 3 euros, vai destinada á realización de actividades de concienciación en contra da violencia no deporte. En total, nesta edición editáronse 1.000 exemplares. A publicación inclúe 260 páxinas a cor.