O Nadal Parc estará instalado no pavillón do instituto do 26 de decembro ao 3 de xaneiro.

Música, humor e deporte para este Nadal en Allariz

Allariz celebra o Nadal coa oferta dunha programación chea de actividades para todos os públicos.

Entre o 18 de decembro e o 8 de xaneiro os alaricanos e visitantes poderán participar de concertos musicais, monólogos de humor e actividades deportivas.

O domingo 18 terá lugar o Concerto de Nadal, ás 12.30 horas na Casa da Cultura, mesmo lugar que acollerá ás 18.30 horas un espectáculo infantil de maxia.

O venres 23 o monologuista David Amor visita Allariz co seu espectáculo “Fóra de sitio 3.0”. A cita é as 22:30 horas na Casa da Cultura. O venres seguinte, 30, á mesma hora e no mesmo lugar, será o turno para Quico Cadaval, con “Fantasmas familiares”.

Allariz despedirá 2016 con dúas probas deportivas: a carreira do “Boi 700” ás 12 horas e a Carreira popular solidaria “A derradeira”, con saída ás 17 horas para a proba absoluta.

Xa en xaneiro, o Paxe Real visitará a vila o día 2, como adianto da cabalgata de Reis, que partirá ás 18:30 horas do día 5 da Alameda.

Ademais, do 26 de decembro ao 3 de xaneiro, o pavillón do IES de Allariz acollerá a novena edición do NadalParc. Os máis pequenos poderán divertirse nos inchables, nas zonas de xogos e no espazo reservado para as novas tecnoloxías.

Maceda
O Concello de Maceda ten preparado para as vindeiras semanas un programa de actividades con motivo da celebración do Nadal. Actividades para nenos de 4 a 12 anos do 26 ao 30 de decembro, visita a Pazolandia en Ourense o día 28; actividades deportivas o día 30; e o inicio das celebracións do Entroido o 7 de xaneiro.

O programa terá o seu broche final coa celebración da tradicional cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, que a partir das 18 horas percorrerá as principais rúas do municipio. Ao seu remate haberá unha gran chocolatada no pavillón Pablo Rodríguez Guede.

Baños de Molgas
O Concello de Baños de Molgas preparou un programa de Nadal que conxuga música, teatro, actividades infantís e deporte.

Os pequenos da casa terán visita a Pazolandia o día 27, e contacontos e actividades os días 28 e 29 de decembro e 3 de xaneiro. Para un público adulto está pensado o Concerto de Nadal, o 30 de decembro na igrexa parroquial, coa participación da Coral Ansuíña e o Grupo de Música Tradicional de Baños de Molgas.

Non faltará tampouco a visita do Apalpador na tarde do 24 de decembro, e a chegada en tren dos Reis Magos na tarde do 5 de xaneiro, con música e chocolatada na carpa da estación.