A Primeira Galicia pechou o 2016 coa disputa da xornada número 17, a mesma que pecha a primeira volta do campionato.
Tanto Bande coma Unión Deportiva Ourense teñen medio ascenso no peto. Os dous equipo continúan coa súa marcha imperial no curso que os levou a distanciarse do terceiro a 12 puntos no caso do Bande, e a 11 no da UD Ourense. Ascenden dous a Preferente polo que, salvo hecatombe, subir de categoría será cuestión de tempo.
Na xornada que pechou a primeira volta e o ano, o Bande logrou unha cómoda vitoria por 4 a 0 no derbi da Baixa Limia diante do Sporting de Celanova.
A UD Ourense fixo un partido no que as ocasións foron moitas, pero tres goles subiron ao marcador.
Hugo aproveitou un rechace do porteiro a tiro de Rubén Durán para facer o primeiro da tarde. Logo sería o propio porteiro o que non estivo atinado no despexe dun córner para sumar o segundo para os unionistas. Xa na segunda metade Cristian Dacosta non perdoaría desde os 11 metros para facer o terceiro. Jorge faría o da honra para o Taboadela.
Pousa e Dani tiveron os seus minutos no partido que rematou co 3 a 1.
Ata o ano que vén
A Liga para ata o 8 de xaneiro, cando comece a segunda volta. Antes Bande e UD Ourense veranse as caras no partido de ida dos cuartos de final da Copa Deputación. A rivalidade trasladarase nesta ocasión á Copa na que os dous equipos quererán seguir na competición. Aínda que a prioridade é a Liga, a rivalidade entre os dous equipos e tal, que desfacerse do rival suporía un golpe de efecto para o vencedor da eliminatoria.