Medio cento de actividades de todo tipo para nenos e maiores. Esa é a oferta de ocio e tempo de lecer que presentaron o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, e a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, para o Concello de Verín.
Concertos, obradoiros, mercados e feiras específicas, actividades para os centros de maiores e actividade diaria na Ludoteca, para conciliar a vida familiar e laboral, son as citas principais, xunto coa tradicional Cabalgata de Reis. “Que toda a xente participe -sinalou a concelleira Emilia Somoza- esa é a nosa aspiración”.
O programa do Nadal 2016 comezou co festival de Nadal do Colexio Amaro Refojo no Auditorio Municipal e coa apertura da pista de patinaxe sobre xeo na praza Maior. Esta actividade, que se realiza por segundo ano consecutivo dado o enorme éxito do exercicio pasado, está coorganizada polo Concello e as asociacións de empresarios e hosterelería.
Feira o día 23
O día 23 continuarán as actividades con feira na praza García Barbón, una das máis grandes do ano, e a apertura, ás 19.30 na Sá de Exposicións de “En-clave-de arte”, mostra realizada polos alumnos da Escola de Artes e Oficios. Ese mesmo día, no Auditorio Municipal, concerto da banda “Nova Era”.
O día 24, no Pavillón Municipal de Deportes, obradoiro de xoguetes para os máis pequenos con Brazolinda, e tamén no Pavillón, o día 29 ás cinco da tarde, sesión especial para os máis pequenos con “Paiasolandia”.
As actuacións continuarán coa Gala de Nadal de Candaira o día 30 ás oito da tarde no Auditorio, e o día 3 de xaneiro coa Gala Máxica de Aever no Pavillón dos Deportes, onde se entregarán os premios do comercio local durante este Nadal.
Finalmente, co seu percorrido tradicional, dende as catro da tarde do día 5 de xaneiro, comezando no asilo e rematando no Pavillón dos Deportes, terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis. Por outra banda, todos os días, na Ludoteca, terán lugar actividades para os cativos, que permitan ós pais conciciliar a vida familiar e laboral.