Son 96 traballadores na provincia de Ourense.

O persoal fixo discontinuo de tres meses do SPDCIF denuncia a súa precaria situación laboral

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA), de recente constitución, vén de chamar a atención sobre as condicións laborais do persoal fixo discontinuo de tres meses do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia.

Das 2.431 persoas que conforman os medios propios da Xunta para extinción de incendios en tempada de alto risco, 436 deles teñen un contrato coma fixos discontínuos de tres meses. 96 deles traballan en Ourense, distribuidos nos cinco distritos forestais nos que se organiza a provincia: 27 no de Verín-Viana, 21, no Miño-Arnoia, 18 en Valdeorras-Trives, 17 na Limia e 13 no distrito O Ribeiro – Arenteiro. Son condutores de motobomba, emisoristas, vixilantes, enxeñeiros técnicos forestais ou bombeiros forestais das brigadas helitransportadas.

Os postos deste persoal de reforzo do dispositivo contra incendios da Consellería do Medio Rural foron creados en 2012 como consecuencia da modificación da RPT da Xunta e de varias demandas xudiciais de traballadores. Estes postos son de persoal laboral fixo descontinuo de tres meses, e aínda que son prazas que non se atopan consolidadas, están ocupadas de modo interino pero non aparecen incluídas no V Convenio Colectivo Único para o Persoal Laboral da Xunta de Galicia, como ocorre cos traballadores fixo descontinuos.

Segundo estipulan os seus contratos “os traballadores de tres meses están limitados a traballar só nese espazo temporal e obrigados a ter dispoñibilidade nesas datas”, o cal produce, a xuízo de ATRIFOGA “situación de desigualdade e precarización”.

Dunha banda, limitacións a efectos de dereito a cobro de subsidio de desemprego non contributivo e para o futuro cobro dunha pensión contributiva. “Numerosos traballadores foron requeridos pola Seguridade Social para a devolución dos subsidios, logo de ser concedidos”, sinalan desde a Asociación.

Doutra banda, a imposibilidade de facer substitucións -cando hai baixas ou xubilacións no servizo- ademais de non poder cubrir as prazas non vacantes que estean dispoñibles “posto que – para a Xunta de Galicia – xa están ocupando, de feito, unha praza”, apuntan desde ATRIFOGA.

Medio Rural prescindiu do persoal en período de alto risco

O feito de que os seus contratos sexan só de tres meses leva a situación paradóxicas como a que aconteceu este ano. Por mor das condicións metereolóxicas, a Consellería ampliou o período de alto risco ata o 15 de outubro, pero ao mesmo tempo prescindiu dos servizos do persoal de reforzo, que cesou o 30 de setembro. “Resulta evidente que o colectivo de traballadores/as de 3 meses é imprescindible (pola dilatada experiencia en campañas de verán, na detección , extinción e organización no combate dos lumes forestais) para ter o operativo ao 100%; e resulta unha imprudencia por parte da Administración non contar coa súa colaboración, ao mesmo tempo que, dende a Vicepresidencia da Xunta, non se axusta á realidade ao afirmar, literalmente, que ‘manterase activo o operativo especial despregado contra os incendios forestais, namentres haxa risco’0”.

Prevención

Desde a  Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia consideran que a contratación do persoal de tres meses durante máis tempo está máis que xustificada na necesidade de levar a cabo “unha axeitada prevención nas tempadas do ano de menor risco de incendios” e tamén polo factor de destacionalidade dos lumes forestais, que cada vez ocorren con maior frecuencia noutras épocas do ano.  De feito, en pleno inverno producíronse varios incendios na provincia; os tres últimos afectaban a 36 hectáreas de monte en Casaio, Carballeda de Valdeorras, a outras 50 hectáreas en Pradoalbar, Vilariño de Conso, e a alomenos 20 hectáreas en Valdín, A Veiga.

Por un servizo de incendios “único” e “público”

Amáis, desde ATRIFOGA opinan que a “progresiva privatización e disgregación do servizo” (no servizo de extinción de incendios interveñen cada verán 5.767 persoas entre medios propios da Xunta, medios de empresas públicas e privadas, medios aéreos, do Estado e dos concellos)  non favorece “a óptima coordinación das entidades participantes, incidindo moi negativamente na extinción dos lumes”. Por iso reclaman un servizo de incendios “único, público, igualitario e profesionalizado, cunhas condicións laborais dignas, que non estean baseadas na precarización dos seus traballadores e fundado nos principios de igualdade, mérito e capacidade”.

O colectivo xa mantivo unha xuntanza coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, no mes de setembro, días antes das eleccións autonómicas, para trasladarle as súas reivindicacións.