Son moitos puntos da xeografía ourensá, pero estes son só algúns dos concellos que visitarán.
Ramirás
Convidados pola Asociación cultural Rebulir e polo Concello, os Reis Magos farán a súa visita a Ramirás.
O xoves 5 farán un percorrido por diferentes lugares. Comezarán facendo un roteiro polas aldeas da zona máis alta do concello, para posteriormente facer unha parada na residencia da terceira idade do Mosteiro. Para as 17:30 h. acompañados da súa corte e garda persoal, farán a súa chegada ao Centro Cultural do Picouto onde saudarán a nenos e nenas ramirenses. Posteriormente a súa comitiva pasará de novo por diferentes aldeas do Val do Tuño.
Durante todo o percorrido estarán acompañados polos músicos e cantareiras da Asociación Rebulir. Cabe salientar, que os membros deste colectivo, recuperarán un ano máis os cantos de reis que tradicionalmente se cantaban de casa en casa.
Tamén se contará coa inestimable visita do carteiro real, que nestes días previos a visita das SS.MM. ten visitado diferentes núcleos. O xoves estará de novo recibindo aos nenos e nenas, e para iso contará coa axuda das animadoras de Xurxemurxe para dinamizar a espera da comitiva real.
Verín
A partir das 17.00 horas, as rúas de Verín acollerán a tradicional Cabalgata dos Reis Magos de Oriente. Con anterioridade, ás 16:00 horas, acudirán a Residencia de Anciáns Santa María para entregarlle presentes ás persoas maiores residentes.
A cabalgata iniciará o seu percorrido na Casa do Escudo e tras percorrer a avenida Luís Espada, rúas Deputación e Irmáns Moreno, concluirá a súa viaxe no Pavillón Municipal de Deportes onde terá lugar unha gala, na que participarán a alcaldesa infantil e os seus concelleiros, e se repartirá entre os nenos o libro Os Bolechas van a Verín.
No Pavillón Municipal haberá un aforo limitado non superior ás 2.500 persoas, polo que se recomenda que soamente acuda un adulto por cativo/a, co fin de facilitar o acceso ao máximo número de menores de idade.
Concerto de Reis
Por outra banda, o venres 6 de xaneiro, a partir das 20 horas, a igrexa da Mercé de Verín acollerá o tradicional Concerto de Reis, organizado pola Asociación Verinense de Amigos da Música.
Xinzo de Limia
En Xinzo dará comezo a cabalgata ás 17 horas e percorrera as rúas: Praza Carlos Casares, Curros Enríquez, Avenida Madrid, Dous de Maio, Ladeira (Parada nos centros da 3ª Idade), Río Miño, Río Támega (Parada no Centro Sociocomunitario), Dous de Maio e Pavillón Municipal.
Celanova
Mentres, en Celanova, as súas maxestades chegarán algo máis tarde. Ás 19 horas dará comezo o seu percorrido que sairá desde Residencia San Carlos e chegará ata a praza Maior.