O Auditorio municipal de Ourense acollerá o 4 e 5 de febreiro a primeira edición do Encontro de coros infantís, xuvenís e escolares «Ourencanto».
Esta iniciativa pretende achegar o mundo coral a todos os mozos ourensáns de idades comprendidas entre os 8 e 18 anos que queiran participar. Trátase dunhas xornadas de convivencia que rematarán cun gran concerto -aberto ao público- a cargo de todos os participantes no propio Auditorio, baixo a dirección artística do director e compositor Josu Elberdin. Ademais para a clausura está invitado, para que tamén actúe, o coro da Xunqueira de Pontevedra.
“Unha vez inscritos enviaráselles as partituras que se van a traballar no Encontro aos responsables de cada Centro Escolar para que os nenos veñan coas cancións aprendidas, as cales se traballarán durante estas dúas xornadas”, explicou a organizadora do evento, Cristina Rodríguez. O límite de prazas é de 350.
Dous coros infantís
A cidade de Ourense conta soamente con dous coros infantís e un escolar. Para Cristina Rodríguez este evento é importante xa que «debemos fomentar a base, potenciar o canto na infancia, porque o canto é a alma dun pobo, e non podemos deixar que desapareza esta tradición”.