O vindeiro 26 de xaneiro no Teatro Principal de Ourense celebrarase a gala do “VI Premio Xove empresario de Galicia”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado pola presidenta da Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegasxe-AJE Galicia), Carmen José López, e polo presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Ourense, Lois Babarro, presentou o programa desta edición.
Na súa sexta edición o Premio Xove Empresario de Galicia conta con dúas categorías e tres accésit: “Premio Xove Empresario de Galicia 2016”, “Premio Xove Emprendedor de Galicia 2016” e accésits á Innovación, Creación de emprego e Internacionalización.
As candidaturas ao premio poden presentarse ata o vindeiro día 19 de xaneiro no enderezo electrónico: gerencia@fegaxe.com, e os candidatos deben cumprir como requisito ser empresarios e ter data de nacemento posterior ao 1 de xaneiro de 1976. A empresa candidata debe ter domicilio social en Galicia e o seu capital social deberá estar participado nun 25 %, como mínimo, por persoas físicas menores de 41 anos, e non poderá estar participada por entidades ou empresas de titularidade pública.
Os premios teñen carácter honorífico e os galardoados recibirán un premio creado en exclusiva para este evento. O xurado terá en conta para ditaminar aos gañadores aspectos da empresa como: creación de emprego estable, evolución dos beneficios da empresa, volume de investimentos, grao de proxección nacional e internacional, boas prácticas na xestión empresarial, respecto polo medio ambiente, implicación no asociacionismo empresarial, calidade do produto ou servizo, innovación, sectores emerxentes, orixinalidade, expansión en mercados internacionais, creatividade e investigación.