O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou o esforzo realizado polo Goberno galego para a mellora da administración da xustiza galega, que rexistra cada ano un maior orzamento.
En Ourense, as melloras centráronse no Pazo da Xustiza, que visitou hoxe o vicepresidente, onde se atopa a Audiencia Provincial.
Durante a visita, xunto ao xuíz decano, Leonardo Álvarez, o presidente da Audiencia Provincial, Antonio Piña, o fiscal xefe, Florentino Delgado, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, Rueda puxo en valor as obras executadas por máis de 50.000 euros nesta sede xudicial, que permitiron mellorar a sede para os traballadores e para os usuarios da infraestrutura.
En concreto, as actuacións máis salientables consistiron en reubicar as seccións da Audiencia Provincial para gañar espazo, habilitar tamén un lugar para a sede da xunta electoral provincial, actuacións no arquivo xudicial e posta en marcha dunha aula de formación para todo o persoal da administración de xustiza.
Ademais, segundo informou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, neste edificio tamén están previstas obras este ano, cun investimento conxunto de máis de 45.000 euros.
Aposta polas novas tecnoloxías
Hai que destacar que en 2016 celebráronse en Ourense case 140 horas de formación nas novas aplicacións e actualizacións dos sistemas de información.
En Ourense implantouse este ano o visor do expediente xudicial electrónico e xa están rexistrados preto de 800 profesionais entre xuíces, fiscais e letrados, que poden acceder aos expedientes e consultar os procedementos.
Ademais, en febreiro iniciouse en Ourense a pilotaxe do Sistema de Xestión de Arquivos físicos e pezas de convicción, que permite localizar calquera expediente en papel en calquera sede xudicial. Agora estase a estender a outros xulgados.
Ourense conta con 6 equipos de videoconferencias que en 2016 rexistraron máis de 500, e con sistema de gravación de vistas en 14 das 17 salas de vistas.