Ourense en Común repite, por segundo ano nestas datas, a xornada RePensar OUeC, na que a organización quere recoller as inquedanzas e propostas da veciñanza para avaliar o proceso municipalista, redefinir documentos, e comezar a trazar a folla de ruta cara ao horizonte das eleccións municipais de 2019.
Durante as oito horas de traballo programadas, haberá quendas de intervención abertas para reflexionar sobre aqueles puntos que podan xerar máis debate na análise de documentos referidos aos principios do colectivo, a súa estrutura organizativa, o regulamento asembleario ou os Códigos de ética política e de Boa Gobernanza.
Froito do exercicio de reflexión conxunta, o grupo recollerá as conclusións da xornada nun documento consensuado que marque a súa liña de traballo para os próximos anos.
A xornada monográfica desenvolverase dende as 10h da mañá do próximo domingo no Espazo en Común, sito nas Burgas 8, onde o grupo habilitará unha zona infantil para facilitar a conciliación familiar, e celebrará un xantar comunitario antes de retomar a sesión de tarde, que se prolongará previsiblemente ata as 20h.