Segundo informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, no que respecta ao premio Otero Pedrayo, dotado con 16.000 euros, este ano correspóndelle á Deputación de Ourense a convocatoria deste galardón, de carácter anual e que organizan de xeito alternativo as catro deputacións galegas.
Poderán concorrer tanto persoas individuais como grupos de traballo ou institucións que co seu traballo axuden á difusión e mantemento da nosa cultura, candidaturas que poderán presentar persoas físicas ou xurídicas, entidades académicas e culturais, os presidentes das catro deputacións a proposta das respectivas comisións de cultura, a Xunta de Galicia o mesmo polo xurado.
O prazo de presentación das candidaturas rematará logo de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
O fallo do xurado darase a coñecer transcorrido un mes dende o día no que remate o prazo de presentación de candidaturas e a entrega do premio realizarase nun acto solemne que será organizado e convocado pola Deputación de Ourense.
Premio “Xosé Aurelio Carracedo”
O premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” na súa edición de 2017 está dotado con 3.000 euros. Poderán concorrer a este premio todos os profesionais do xornalismo e colaboradores que realicen o seu traballo en medios de comunicación escritos ou audiovisuais, estes últimos en calquera das súas modalidades.
Compre apuntar que as candidaturas poden ser presentadas tanto polos autores dos traballos como pola dirección dos medios nos que foron publicados ou emitidos, institucións, asociacións, colectivos, outras persoas individuais ou polo propio xurado.
Os traballos que opten a este premio terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou referidos a Galicia no ano 2016.
O prazo de presentación dos traballos rematará o día 16 de marzo e o acto de entrega do galardón celebrarase o día 3 de maio, que coincide co Día Internacional da Liberdade de Prensa.