Os concellos da provincia de Ourense van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de 540.555 euros, para a posta en marcha de iniciativas en tres liñas de actuación: a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres. Estas axudas foron presentadas en Ourense pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira.
López Abella e Díaz Mouteira destacaron que seguindo a senda establecida hai tres anos, a convocatoria deste ano reforza a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa incremento de puntuación e polo tanto, incremento de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de subvencións.
A cooperación e colaboración entre concellos e a xestión compartida das actuacións e programas no eido da promoción da igualdade, pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que “é o modelo a seguir para garantir unha atención eficaz e eficiente á cidadanía neste ámbito de actuación”, dixo Susana López.
Máis solicitudes conxuntas
A secretaria xeral de Igualdade subliñou que na convocatoria deste ano en Ourense, ao igual que pasou o ano pasado, son máis as entidades locais que presentan unha solicitude conxunta. Este incremento reflíctese sobre todo no programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIMs). Así, este ano no ámbito dos 13 CIMs en funcionamento na provincia ourensá recibirán subvención 12 nos que participan un total de 40 concellos, dos que 35 teñen unha xestión compartida deste servizo fronte a 5 que a teñen individualizada.
Precisamente, das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 416.556 euros, que se distribúen en 12 centros: Avión, O Barco, O Carballiño, Xinzo da Limia, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives, Viana do Bolo, Mancomunidade Terra de Celanova, Mancomunidade do Ribeiro e Mancomunidade Santa Águeda, e beneficia a un total de 40 concellos. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. O de Verín non recibiu subvención por incumprimento dos requisitos esixidos.
A segunda liña, por volume presupostario, é a de fomento da conciliación, con 104.103 euros, destinados ao financiamento de plans e actuacións de conciliación da vida persoal,familiar e laboral das persoas traballadoras no ámbito local. Nesta liña son 12 as entidades locais que reciben subvención, pero se estende a 13 concellos xa que 11 presentaron a solicitude individual e 2 concellos a presentaron conxunta.
Por último, tres concellos ourensáns resultaron beneficiarios das axudas e subvencións da liña de medidas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, que inclúe as accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas deste tipo de violencia, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e prostitución. O importe destinado a esta liña de actuación ascende a case 20.000 euros.
Entidades máis beneficiadas
Cómpre destacar que as entidades locais que reciben máis axudas son o concello da capital da provincia, o de Xinzo da Limia, o de Muíños que presentou a súa solicitude agrupada xunto con Bande, Lobeira e Lobios, a Mancomunidade do Ribeiro (que agrupa os concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro), e a Mancomunidade de concellos Santa Águeda.