Cruz Vermella xestiona en Ourense o programa Familias Acolledoras en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Cruz Vermella precisa familias en Ourense para o acollemento de bebés e grupos de irmáns

Cruz Vermella comeza o ano 2017 facendo un chamamento á cidadanía ourensá sobre o dereito de todos os nenos e nenas a vivir en familia, a ser protexidos e a recibir coidados, educación e amor.

O acollemento familiar constitúe  unha das medidas de protección á infancia que permite a estes menores crecer e desenvolverse nun ambiente familiar que satisfaga as súas necesidades cando non é posible o coidado por parte das súas propias familias.

“Por diversas problemáticas dos seus pais, moitos nenos e nenas necesitan un fogar que durante un tempo lles proporcione a educación, atención e cariño que necesitan”, explica Mónica Devesa.

“Neste momento buscamos con máis urxencia familias que teñan dispoñibilidade  para acoller bebés ou grupos de irmáns. Casos que polas súas particularidades precisan dunha resposta rápida, incluíndo neste chamamento a familias que vivan na área de influencia da cidade: Celanova, Allariz, Maceda… porque moitas veces podemos pensar que ao non vivir en Ourense non podemos participar no programa, cando non é así”, sinala Devesa.

Igualmente explica que “no programa poden participar distintos tipos de  familias: monoparentais, parellas heterosexuais ou homosexuais, con ou sen fillos, independentemente dos seus ingresos ou situación familiar”.

Cruz Vermella xestiona en Ourense o programa Familias Acolledoras en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dende 1996. Ao longo do ano pasado ano 31 menores foron acollidos na nosa provincia, dos que 17 eran menores de 6 anos.

As persoas interesadas poden atopar toda a información sobre o programa visitando a web  www.acollementofamiliar.org,  chamando ao 900 812 880, ou poñéndose en contacto directamente coa Asemblea de Cruz Vermella en Ourense (988 222 484).