A Mostra da Oportunidade chega a súa 24ª edición ofrecendo os mellores prezos e vantaxes en milleiros de artigos que converterán a Expourense, entre o venres 3 e o domingo 5 de marzo, nun gran centro comercial que servirá para poñer o punto final ao período de rebaixas da tempada.
O comercio é un dos principais motores económicos e sociais da provincia de Ourense e citas como a Mostra contribúen a dinamizar as vendas e a captar novos clientes fora da súa área de influencia habitual. A Mostra é unha cita moi consolidada que conta cun alto índice de fidelidade tanto por parte do expositor como por parte do público.
Expourense, en colaboración co asociacionismo, porá en marcha unha edición máis unha acción especial que promoverá a participación agrupada das empresas. Agárdase que de novo a Mostra da Oportunidade, feira decana destas características en Galicia, conte coa participación dos Centros Comerciais da provincia de Ourense que ven nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para dinamizar as rebaixas de inverno.
Os establecementos asociados que pechen a súa participación nesta cita contarán cun espazo en feira para ofrecer os seus produtos (téxtil, decoración, alimentación, etc.) a prezos vantaxosos para os milleiros de visitantes que sempre recibe a Mostra da Oportunidade. As empresas interesadas en participar poden solicitar máis información en www.expourense.org ou chamando ao 988 36 60 30.
Os público que acuda á Mostra terá a opción de, nunha mesma visita, con comodidade e sen apenas desprazarse, elixir entre moitas propostas de produtos a prezos especiais e, ademais, atopar artigos que non sempre están presentes nas canles habituais de venda. Para facer máis cómoda a visita, o salón conta cun amplo horario que vai dende as once da mañá ás nove da noite, é dicir, dez horas ininterrompidas os tres días de feira.