Este mércores 18 de xaneiro tera lugar a primeira reunión do proxecto Social Enterpreneurship for Younger´s Emporwerment, presentado pola Concellería de Xuventude do Concello de Ourense ao programa Erasmus+ na liña KA1, de Mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe: Intercambios Xuvenís.
O obxectivo é preparar 50 mozos (25 ourensáns e outros tantos británicos) nun programa de capacitación para crear empresas de economía social. Noutras palabras, coñecer a cultura empresarial de Ourense no eido social e compartir ideas coa mocidade ourensá para desenvolvelas, posteriormente, no Reino Unido.
A reunión servirá para planificar as accións preparatorias da visita ás empresas seleccionadas co apoio da CEO así como o Meccano de Iniciativas Sociais, baseado en dinámicas de grupo, cuxo obxectivo é que os participantes adquiran as competencias para transformar a súa idea nunha empresa social. Á cita acudirán, xunto coa concelleira de Xuventude e unha técnica desa área, dúas persoas do London Business Partnership Limited, socio británico do Concello de Ourense neste proxecto, a empresa Eosa, encargada da xestión do proxecto, e a CEO, encargada de xestionar a visita ás empresas cuxo obxectivo empresarial se corresponda coa cobertura dunha necesidade social.
Creación de empresas de economía social
Os intercambios pretenden proporcionarlles aos mozos participantes as habilidades necesarias para poñer en marcha o seu propio negocio como vía alternativa á busca de emprego. Ao mesmo tempo, as competencias adquiridas debe servir para transformar a súa conciencia social nunha empresa social. Desta forma, preténdese axudar os mozos cualificados á creación de empresas de economía social, a fin de satisfacer as necesidades non atendidas da poboación carente.
Do mesmo xeito, cubrir o desaxuste horizontal existente entre a educación das persoas máis novas que completaron a súa formación superior e as súas competencias en materia de emprendemento. E, de forma transversal, proporcionarlles aos participantes unha experiencia multicultural no estranxeiro.