O expediente de honra a Carlos Casares estará culminado en maio, concretamente para o día 16. Despois de que se abrira en 2003, 14 anos despois estará concluído.
O remate deste expediente suporá un acto formal para o nomeamento de Carlos Casares como fillo predilecto da cidade a título póstumo nunha sesión plenaria que se celebrará na véspera do Día das Letras Galegas, que este ano se lle adica ao escritor ourensán.
Así llo comunicou onte o alcalde, Jesús Vázquez, aos membros da Fundación Carlos Casares. Ademais se descubrirá unha praca-busto en memoria do escritor na Praza Bispo Cesáreo, como recoñecemento da cidade á figura de Casares.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, comunicoulle esta decisión aos membros da Fundación Carlos Casares, presidida por Xavier Casares. “Deste xeito, culminamos un expediente que permanecía aberto desde hai 14 anos e o facemos precisamente no ano no que se honra a memoria do gran escritor, coa máxima distinción que se lle pode outorgar desde o Concello de Ourense”, sinalou o rexedor ourensán.