A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu á alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, á concelleira Mª Carmen Prieto e a varios veciños do municipio para tratar o avance das reestruturacións parcelarias no concello.
Neste sentido xa comezaron as obras de execución dos camiños principais da zona de Guillamil-Sabariz, traballos que se desenvolverán durante este ano e o próximo e que custarán preto de 1,8 millóns de euros.
Nesta concentración, con bases definitivas dende 2013, lévanse investidos xa más de 2,2 millóns de euros e beneficiarán a 1.077 propietarios. A superficie afectada é de 1.367 hectáreas divididas en 19.703 parcelas.
As portavoces municipais interesáronse tamén pola concentración de Congostro, pendente da Declaración de Impacto Ambiental. Ángeles Vázquez sinalou que tratará de dar un impulso a esta situación e comprometeuse a que a consellería convocará unha xuntanza cos veciños unha vez se coñezan os resultados do informe. “Trataremos de buscar unha alternativa que convenza a todas as partes implicadas”, sinalou a titular de Medio Rural.