O Entroido 2017, que terá como día grande o martes 28 de febreiro, dá os seus primeiros pasos coa convocatoria, por parte da Concellería de Cultura, do concurso de carteis anunciador das festas.
As bases veñen de ser aprobadas en xunta de goberno local, e nelas destínanse 1.000 euros para a obra gañadora, que deberá ser entregada no rexistro xeral do Concello nun sobre baixo un pseudónimo ou lema e, dentro deste, o nome e o contacto. O prazo de presentación rematará na primeira semana de febreiro, o luns 6.
“As obras deberán ser estritamente inéditas e orixinais, non debendo ter sido premiadas anteriormente nin atoparse pendentes da resolución do xurado noutros concursos. Serán entregados impresos e pegados sobre cartón pluma debidamente protexido de tamaño 50×70 cm. adoptando forma vertical”, adiantaba o voceiro do goberno municipal, José Araújo, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local desta mañá. As bases poderán consultarse nas webs municipais (ourense.gal e ourensecultura.com).
II Certame Literario “Cartas de Amor”
En xunta de goberno local foron aprobadas igualmente as bases do II Certame Literario “Cartas de Amor” para escolares con motivo do día dos namorados da Concellería de Educación. Nel poderá participar o alumnado de 6º curso de Educación Primaria e 1º ESO do Concello de Ourense.
Os temas das cartas serán o amor ou o desamor e deberán estar escritas en prosa, en lingua galega ou castelá cunha extensión de entre 15 e 40 liñas. “É unha forma de fomentar a creatividade, a orixinalidade, a capacidade para transmitir emocións, así como a ortografía e presentación”, en palabras de Araújo Fernández. Os premios, sendo para escolares, serán un bolígrafo intelixente e un lote de libros, o primeiro, e un lote de libros, o segundo.