As opinións que temos sobre a educación –en xeral ou sobre algún centro, en particular- non sempre se asentan en informacións reais ou no coñecemento directo da realidade sobre a que falamos. Nalgúns casos, os puntos de vista que se escoitan reflicten un certo nivel de desinformación ou unha chea de prexuizos que para nada se corresponden coa realidade.
Para procurar a mellora da información e do coñecemento sobre o IES García Barbón, imos facilitar algúns datos e facer énfase nas principais características que definen este centro educativo da comarca de Verín.
En todo caso, na nosa web, blogs e redes sociais podedes atopar as opinións de antigos estudantes e profesorado sobre as virtudes educativas da educación pública para todos: visitade http://bit.ly/2hwKD0o
Un centro educativo de pequenas dimensións e con grupos reducidos
Unha das características principais dunha educación de calidade ten relación estreita coa posibilidade de atención pedagóxica individualizada que responda eficazmente á diversidade do alumnado. Neste caso, o IES García Barbón ofrece e garante unha intervención educativa de maior calidade. Todo iso repercute de maneira moi positiva no rendemento académico e na desenvolvemento pleno da personalidade dos estudantes.
Prioridade do traballo de Orientación e titoría individualizada
A posibilidade de levar adiante unha orientación académica e profesional esixente ten moita relación coa existencia de grupos reducidos de alumnado. O traballo de Orientación Educativa e Académica abrangue tanto as medidas encamiñadas a informar das variadas opcións formativas e das posibles saídas de futuro aos mozos e mozas como do seu asesoramento –en concreto- no ámbito dos hábitos e técnicas de estudo.
Complementando as actividades anteriores e o traballo de cada titor ou titora, establecemos un plan de titorías individualizadas ao longo do curso académico que se ocupa de realizar un seguimento xeral de cada estudante. Nesta titoría individualizada que se realiza coa presenza do Orientador –e na que poden participar un ou varios profesores- potenciamos a axuda pedagóxica que o estudante precisa e mantemos un diálogo aberto que busca o compromiso e a implicación activa de todos os participantes.
A dimensión internacional da Educación
O centro posúe a Carta Europea de Educación Superior (2014-2020) o que posibilita a mobilidade de profesorado e alumnado de Formación Profesional a calquera país da Unión Europea.
Neste curso desenvolvemos un Programa Erasmus + con Finlandia relacionado coas ensinanzas do Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermaría, que coordina a profesora Beatriz Fernández Paredes (xefa de Estudos de Adultos).
En 2º de Bacharelato, unha parte do alumnado participa nun Programa de colaboración cun Instituto de Boston (USA) para potenciar a súa competencia lingüística en inglés.