Onte luns reuníronse na sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo, en Santiago de Compostela, a arquitecta municipal e a traballadora Social do Concello de Castrelo e o director Técnico do organismo autonómico, Andrés Iglesias López, con vistas a aprobar as bases que rexerán o futuro programa de aluguer de vivendas baleiras.
O mencionado plan, ao que Castrelo de Miño adheriuse mediante convenio o 13 de setembro de 2016, busca a intermediación entre as administracións e os particulares para a ocupación de vivendas baleiras do municipio. Para iso, e tras a reunión de hoxe da Comisión de Seguimento, o concello ha de aprobar en Pleno as citadas bases antes de presentar o plan, que se espera estea en funcionamento nas próximas semanas.
Unha vez que entre en vigor, calquera particular que estea interesado en poñer a súa vivenda en aluguer haberá de solicitalo nas dependencias municipais para que os técnicos realicen un previo informe de habitabilidade, tendo en conta que unha das características principais deste plan é que o propietario gozará durante os tres primeiros anos de aluguer de seguridade ante calquera falta de pagamento mediante seguros subscritos polos IGVS así como de seguro de fogar.
Pola súa banda, os interesados en ocupar unha vivenda a través deste plan deberán solicitala nas dependencias do concello para que sexan valoradas polo Departamento de Servizos Sociais e de Urbanismo. Para iso, deberán cumprir cuns requisitos mínimos, podendo acceder ao programa calquera, se ben outorgarase preferencia, entre outros, a vítimas de violencia de xénero ou a familias numerosas.
A contía do devandito aluguer dispoñerase conforme á localización do inmoble e ás súas características, non podendo superar en ningún caso os 250 euros mensuais.