A décima edición do Festival “Pórtico do Paraíso” encherá, unha vez máis, de música clásica a provincia de Ourense do día 3 ao 12 de marzo, cun programa con concertos a cargo de agrupacións non só de Galicia e España, senón tamén chegadas de lugares como Inglaterra, Hungría, Palestina, República Checa ou Francia.
A presentación desta cita cultural tivo este luns mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; a vicepresidenta de Festclasica, Valentina Granados; o director do Festival, Enrique Miguéns; e os alcaldes de Xunqueira de Ambía e de Esgos, José Luis Gavilanes e Mario Rodríguez, respectivamente.
A concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias, quen agradeceu a colaboración doutras administracións, como é o caso da Deputación e da Xunta, a través da AGADIC, afirmou que “estamos ante a décima edición deste Festival internacional que ao longo deste tempo sitúa a Ourense no mapa internacional da música de cámara”, e engadiu, “a cultura contribúe a conformar unha personalidade rica e plural, crítica e solidaria á vez”. Mentres que Jacobo Sutil afirmou que a Xunta de Galicia «renova o seu apoio a este Festival que combina “a programación de concertos de calidade en espazos de beleza arquitectónica e que estende o seu programa a toda a provincia de Ourense. Trátase dun Festival que consegue difundir a música culta entre todos os galegos”.
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, lembrou que desde o ano pasado, abriuse o Festival ao resto da provincia, polo que se poderá gozar desta actividade en dous lugares emblemáticos de Ourense, como son Santa María a Real en Xunqueira de Ambía e San Pedro de Rocas en Esgos. Ambos lugares de gran tradición musical e de alto valor patrimonial achegando un atractivo engadido ao Festival. Así mesmo, iniciativas como este Festival “amplían a oferta cultural e de ocio e, contribúen á difusión e promoción da nosa provincia”, engadiu o vicepresidente do goberno provincial.
Nesta décima edición “quixemos facer un Festival de reencontro e ter de novo a artistas que xa participaron en anteriores edicións, de feito cinco dos sete concertos previstos, son de artistas que volven a estar aquí con outros programas e outras agrupacións”, explicou Enrique Miguéns, quen detallou a programación para eses días nos que Ourense se converterá na capital da música clásica de Galicia. “Trátase dun programa que ofrece concertos de gran calidade e que se completa con Encontros de artistas no Conservatorio”, engadiu o director do Festival.
“En canto ás entradas serán de balde para todos os concertos, a excepción do que terá lugar no Teatro Principal. Na pasada edición acudiron ao Festival 2.400 persoas”, afirmou Enrique Miguéns.
Pola súa parte, Valentina Granados da Asociación Española de Festivais de Música Clásica, sinalou a importancia de manter este tipo de actividades porque “a música enriquécenos a todos”. Asemade destacou como valores desta iniciativa cultural “a súa traxectoria de calidade, coherente, sensata e creativa, a implicación da sociedade a través da Asociación Pórtico Musical, así como o apoio das institucións para desenvolver esta iniciativa”.