O acto constitutivo do Consello Social Provincial tivo lugar onte luns no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, coa participación de Manuel Baltar e representantes de 24 entidades sociais da provincia.
O presidente da Deputación destacou “a importancia de poñer en valor o traballo que realizan as entidades sociais da nosa provincia” e marcou como eixos de actuación a participación, a visibilidade e a transformación, “para que entre todos poidamos seguir mellorando a cooperación nun ámbito fundamental como é o dos servizos sociais”
Baltar explicou que o Consello Social Provincial terá tres eixes de actuación: participación, visibilidade e transformación. O primeiro deles refírese a establecer mecanismos de participación das entidades sociais na redacción e na determinación dos parámetros de valoración e adxudicación das axudas publicas que a Deputación convoca anualmente a través da correspondente orde en concorrencia competitiva, destinada a entidades sociais. Como primeira medida, Manuel Baltar anunciou que o Consello Social “establecerá unha mesa de traballo para elaborar uns criterios participativos de reparto económico e valoración para a distribución do orzamento das axudas no ámbito social”. Neste sentido, mañá martes convocarase unha reunión, que terá lugar a vindeira semana, para que os técnicos das entidades fixen os novos criterios de reparto participativo das axudas 2017.
O segundo eixe de actuación que explicou o presidente Baltar refírese a “incrementar a visibilidade das iniciativa sociais e do traballo desenvolvido polas entidades da provincia, así como propiciar a transferencia das boas prácticas e a coordinación cos servizos sociais municipais”. “Para elo desenvolveremos no vindeiro mes de marzo o primeiro Foro Social Provincial, un encontro anual entre as entidades sociais da provincia e os profesionais dos servizos sociais, para expoñer as mellores prácticas e establecer as canles de coñecemento entre axentes das administracións locais e as entidades sociais”, afirmou Manuel Baltar.
Finalmente, o terceiro eixe de actuación é a transformación ao ámbito dixital. Refírese ás relacións entre a administración provincial e as entidades sociais “co papel cero como obxectivo”, destacou Baltar, engadindo que en 2017 “estableceranse todos os procedementos administrativos entre a Área de Benestar da Deputación de Ourense e as entidades sociais sen un só papel, desde as solicitudes de axudas ata a xustificación das mesmas; todo en base á administración electrónica, co que elo conleva de simplificación e eliminación de cargas administrativas”, dixo o presidente.
Manuel Baltar sinalou aos servizos sociais como un ámbito fundamental e remarcou que en 2017 “o orzamento que a Deputación de Ourense destina a este ámbito increméntase en máis de 1,5 millóns de euros con respecto a 2016”. Tamén explicou o presidente que este ano crearase a primeira bolsa de emprego social da provincia de Ourense, tendo en conta as necesidades de concellos e entidades sociais, e dixo que se porá en marcha unha plataforma de recursos e entidades sociais, unha Intranet coordinada pola Deputación, que permitirá destacar o labor que realizan estes colectivos.
As entidades participantes na reunión foron: Asociación Banco de Alimentos de Ourense, Cruz Vermella, Cáritas, Asociación Arela, Asociación Arraianos, Asociación de Prevención da Exclusión Social (APES), Centro de desenvolvemento rural “O Viso”, centro Portas Abertas, Federación de Mulleres Rurais de Ourense, Fundación de solidariedade Amaranta, Fundación Juan Soñador, Asociación Redmadre, Asociación Morea, Asociación Renacer, Asociación española contra o Cancro, Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer Afaor, Comité Antisida de Ourense, Atox, Asociación Autismo Ourense, Asociación de persoas xordas, Asociación de persoas con discapacidade de Ourense ADO, Discafis-Cogami, e Asociación San Vicente de Paúl e Asociación diabética Auria.