Xulio Conde é o adestrador da Escola ciclista José Antonio Hermida e do Club Ciclista Maceda, unha entidade que está a dar moitos éxitos ao deporte ourensá. Na presentación do acordo entre a Escola e Luis Aragonés polo cal o concesionario cédelles un vehículo durante un ano -prorrogable a máis anos- Conde fixo balance do que foi 0 2016 e do que poden facer os integrantes do club este ano.
Un ano histórico para o Club Ciclista Maceda o 2016.
Xulio Conde: “A verdade é que co paso dos anos acordarémonos dese 2016. Foi un ano especial por moitas cousas.
A nivel de resultados deportivos moi positivo tanto a nivel rexional coma nacional e internacional -o oitavo posto de Iván (Feijoo) no mundial-; vimos como Pablo -Rodríguez- situábase na elite mundial.
E a nivel colectivo, ese campionato de España por equipos, que era impensable acadalo dun equipo de canteira e sen fichaxes. E despois os recoñecementos como o premio en Galicia ao mellor equipo de base.
>> Tamén penso que un dos motivos de que a Volta a España saíra, nunha etapa, de Maceda é polo noso equipo. Todo isto fai que sexa un ano inolvidable”.
E agora con instalacións.
X.C.: “Si, é bo ter instalacións axeitadas e ter medios propios”.
Que lle pode faltar ao voso club?
X.C.: “A verdade é que como estamos vivindo o día a día non temos unha carencia clara; penso que estamos dotados de todo.
>> Como club queremos ter instalacións propias. Temos o pumptrack, imos traballar agora nun parque de madeira. Non temos grandes necesidades e pensamos que en Maceda, como calquera outra zona de Ourense, pódese practicar calquera tipo de deporte relacionado coa bicicleta. Son sitios tranquilos con pouco tránsito de coche e se pode saír ao monte coa bici”.
Supoño que despois de poñer o listón tan alto no 2016 non queredes baixalo en 2017. Cales son os obxectivos para este ano?
X.C.: “Nós non perdemos a perspectiva. Sabemos que somos unha escola deportiva e que traballamos con rapaces desde a base. Co cal o obxectivo principal e seguir sacando rapaces mantendo unha escola potente. A partir de aí os obxectivos van chegar. Hoxe temos catro ou cinco rapaces que a nivel estatal á mínima que lles salga unha tempada máis ou menos obterán bos resultados. Penso que neste ano non será demasiado complicado repetir o de 2016”.
E de cara ao futuro?
X.C.: “De cara ao futuro que saian rapaces como ata agora, que os que veñan detrás o fagan ben”.
Acabades de firmar unha colaboración con Luis Aragonés. Explícanos un pouco en que consiste?
X.C.: “O acordo con Luis Aragonés é a cesión dun vehículo durante un ano, con expectativas a seguir máis anos. É unha peza fundamental para nós por que é importante ter unha loxística de coches. Temos moitas viaxes e ao telos cubertos é un parte importantísima para nós”.
Pablo Rodríguez estivo a piques de participar nos Xogos Olímpicos de Río. Qué alguén da canteira do Maceda acuda a uns xogos será o cumio do club?
X.C.: “Eso estaría ben. Pero lograr un campionato do Mundo ou subirse ao podio nel sería o máximo. Non digo un ciclista do club, pero si un ciclista que saíra da nosa escola e que esté noutro equipo”.