Ourense en Común presentou unha solicitude á Valedora de Pobo, para que a través da súa Comisión da Transparencia, defenda o acceso á información pública que se require para facer un seguimento rigoroso da xestión administrativa no Matadoiro.
Para avanzar na investigación aberta sobre esta concesión municipal, e seguindo indicacións do xefe de servizo de Seguridade Alimentaria da Dirección Xeral de Saúde Pública, consultado polo grupo, Ourense en Común solicitaba o pasado mes de xullo á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, a documentación oficial referente ao Matadoiro desde o ano 2014, concretamente os libros de control sanitario de sacrificio de gando, que asina o servizo veterinario oficial desta Consellería; unha documentación que permitiría facer un estudio máis rigoroso do posible desfase e a presunta evasión de taxas do Matadoiro fronte ao Concello.
A resposta da Consellería fíxose agardar un mes, remitindo ao grupo a unha reclamación no xulgado do Social e sen facilitar a documentación requirida, pese a ser de carácter público e sobre cuestións que afectan directamente á saúde pública e a seguridade alimentaria, competencia directa da Consellería de Sanidade. O grupo reiteraba a solicitude no mes de setembro, obtendo novamente en novembro evasivas como resposta.
Ourense en Común solicitaba esta mañá a mediación da Valedora do pobo para ter acceso á documentación solicitada, co fin de executar correctamente a súa labor fiscalizadora e de protección dos dereitos das veciñas e veciños de Ourense.
Os datos requiridos, contrastados co resto de documentación coa que conta o Concello e os propios libros de rexistro do matadoiro, permitirían poñer luz sobre as graves sospeitas de irregularidades na xestión da empresa concesionaria.
Tras cinco reunións, a comisión municipal constituída no pasado mes de marzo a petición de Ourense en Común para investigar as presuntas irregularidades na xestión do matadoiro, continúa sen esclarecer os motivos polos que existen desaxustes entre os datos de control sanitario e os partes entregados ao concello pola xerencia, e incongruencias nas liquidacións das taxas que a empresa paga como canon á administración municipal.
No curso da comisión, contrastando o libro de rexistro do matadoiro e a documentación que éste aporta ao Concello, Ourense en Común evidenciou desfases no reconto de cabezas de gando que a concesionaria declara para o pago de taxas, unha cuestión que podería esclarecerse coa documentación que nega a Consellería.
A empresa atópase actualmente prestando o servizo de xeito prorrogado, despois de que o anterior Goberno municipal acordase en 2013 manter esta xestión privada; unha prórroga que se realizou con informes xurídicos que xa daquela cuestionaban a súa idoneidade.