En concreto, aprobou as bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2017. O obxecto deste programa é contribuír ao sostemento económico dos servizos municipais ofrecendo a posibilidade de complementar os recursos humanos necesarios para este fin. A dispoñibilidade orzamentaria destinada a este programa é dun importe máximo de 910.000 euros, sendo a axuda concedida a cada concello dunha contía máxima de 10.000 euros. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contando a partir do día seguinte á data de publicacións desta bases no BOP.
Por outra parte, a corporación provincial aprobou ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, para o cal a Deputación de Ourense destina un total de 7.030.999 euros. En concreto, a achega provincial ás obras municipais será de 4.645.999 euros e os concellos achegarán 1.409.947 euros. Así mesmo, a Deputación destina 385.000 euros para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta e, por último, o goberno provincial achega 2.000.000 euros para a rede viaria da Deputación.
A Deputación de Ourense aprobou o expediente nº 1/2017 para modificación de créditos nos vixentes orzamentos da Deputación que ascende á cifra total de 11.110.391 euros, destinados, entre outras cuestións, a axudas a entidades e concellos da provincia de Ourense.
En materia de cultura, a corporación provincial aprobou o Programa de cooperación da Deputación de Ourense cos concellos, para o cofinanciamento da rede provincial de espazos culturais e a programación coordinada de actividades a nivel provincial 2017. As bases deste Programa contemplan que a dirección e representación da rede correspóndelle á Deputación a través do deputado de cultura, e as funcións de impulso e seguimento á asesoría política Cultural da Deputación. A Deputación achegará unha dotación inicial para este fin de 70.000 euros.
Os concellos que queiran formar parte desta Rede deberán cumprir unha serie de requisitos que son: dispoñer dun espazo axeitado para o desenvolvemento da actividade escénica, asumir por tempada a programación de polo menos un espectáculo bimestral, dispoñer dun técnico responsable da xestión da actividade no concello ante a Rede e, ter menos de 20.000 habitantes.