“Historia del Apóstol Santiago Zabedeo, Patrón y Capitán General de las España” é o libro máis antigo publicado por un escritor celanovés.

A Fundación Curros Enríquez quere recuperar un libro do século XVII

A Fundación Curros Enríquez puxo en marcha unha iniciativa para mercar un libro do escritor celanovés Mauro Castellá Ferrer. O libro data de 1610 e leva por título “Historia del Apóstol Santiago Zabedeo, Patrón y Capitán General de las España”.

A campaña da Fundación consiste en poñer unha furna na praza Maior de Celanova todos os xoves ata acadar os 900 euros que custa o libro. Os días que non esté na praza estará ubicada no Concello preto da porta de entrada.

Motivos
Tres son os motivos desta iniciativa. O primeiro deles é recadar os 900 euros para que o libro forme a pasar parte da biblioteca de fondos locais da Fundación; o segundo é facer participe ao cidadán de ser colaborador co patrimonio literario da vila; e o terceiro é o de promocionar a vida e obra dos escritores celanoves, neste caso dun dos máis descoñecidos, Mauro Castellá Ferrer.

Varias son as accións que se celebrarán mentres dure a campaña, sobre todo nas redes sociais. Coñecer máis a figura do escritor, ademais de concienciar da súa importancia no patrimonio literario da vila de San Rosendo serán as funcións das accións.

Desde a Fundación aseguran que adquirir un exemplar desta obra é importante xa que se está a falar da «obra máis antiga escrita por un celanovés». O traballo inclúe unha interesante biografía de San Rosendo, así como unha valiosísima descrición do edificio monacal de Celanova denantes da reconstrucción da fábrica actual que chegou ata os nosos días.

Para cumprir o obxectivo económico poderase colaborar directamente na Casa dos Poetas aportando a cantidade que cada persoa desexe, realizando un  ingreso na conta ES13-2080-5292-8330-4003-4277 ou achegándose ata o posto que  estará os xoves pola mañá na Praza Maior durante o mes de

febreiro.