O alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito e a concelleira de Deporte e Educación, María Isabel Rodríguez, mantiveron hoxe un encontro en Castrelo no que asinaron o convenio de adhesión do municipio á rede de UNICEF de Cidades Amigas da Infancia (CAI).
O convenio subscrito hoxe permite ao concello facer uso público deste selo de recoñecemento para os efectos de informar, sensibilizar e dinamizar á cidadanía á vez que promova a participación infantil e actúe en favor da infancia en todos os ámbitos posibles.
Como colofón á firma deste acordo, aproveitouse para que os nenos e nenas de Castrelo descubrisen unha placa conmemorativa na entrada do consistorio e que recoñece este feito e o labor do municipio na defensa dos seus dereitos.
A adhesión de Castrelo de Miño ao programa permite recoñecer ao municipio como impulsor e promotor da aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno na esfera local a través de, entre outros, a participación dos nenos, as nenas e dos adolescentes en temas que lles afectan. Ademais, todas aquelas cidades amigas, da cal Castrelo é a única de Galicia, teñen como obxectivo o traballo en rede e como horizonte o traslado dos dereitos dos nenos e nenas ás iniciativas e políticas que poidan desenvolver dentro das súas competencias.
A pesar da firma do convenio de hoxe, Castrelo de Miño vén levando a cabo esta defensa desde o ano 2009, e con traballos relacionados co selo CAI desde o ano 2012. Na actualidade, conta cun Consello Infantil e o pasado ano recibía no Cuarto Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente celebrado en Santander o selo de Recoñecemento como CAI, o cal manterá ata o ano 2020.
De entre os labores que a institución desenvolveu sendo recoñecedora deste selo destaca a levada a cabo o pasado mes de xaneiro no Congreso dos Deputados no que unha dos integrantes do Consello Infantil de Castrelo, Edita Pousada, expuxo, xunto con outros sete mozos de todo o Estado, as conclusións ás que se chegou en Santander semanas antes.