Os socialistas da comarca da Limia reuníronse para artellar unha estratexia conxunta coa que facer fronte, o que eles din, á inacción do PP no Goberno central, Xunta de Galicia e Deputación de Ourense, ante a ameaza da praga de larva guatemalteca da pataca que xa afecta a unha trintena de concellos de Galicia e que podería chegar de inmediato á provincia, cando está a piques de comezar a tempada de plantación.
Voceiros e edís de Xinzo, Rairiz de Veiga, Sandiás ou Trasmiras acordaron un conxunto de accións entre as que destaca a presentación dunha moción en todos os concellos afectados, na que se reclama a implicación do Instituto do Campo e da Deputación, para que se inste ó Goberno de España á publicación urxente dun real decreto que regule a plantación nas zonas afectadas e á Xunta de Galicia a dispor da partida orzamentaria para indemnizacións; á por en marcha un plan de investigación e a establecer un plan informativo.
A deputada, Elvira Lama, non entende a nugalla da Xunta de Galicia á hora de implantar medidas contundentes: “Nun ano pasamos de tres concellos afectados nunha provincia a 31 concellos en dúas e, a pesar diso, seguimos agardando unha solución”. “Ademais da evidente falta de medidas eficaces para a contención, tampouco teñen tratamento para erradicar a praga. E parece que tampouco teñen presa”, alerta a deputada.
Os socialistas consideran fundamental a intervención do Instituto do Campo, un ente situado en Xinzo que depende directamente do Inorde, no traballo de prevención e loita contra a praga, xa que pode prestar asistencia técnica ós concellos e produtores. A deputada reclama que Baltar deixe de anunciar nas emisoras de radio «análises de repercusións» e poña a traballar de inmediato ós organismos que dependen exclusivamente da Deputación.
Lama recorda que, ante a posible chegada da praga a Ourense e a evidente falta de medidas, “a preocupación na comarca da Limia é moi alta”. “A colleita ten unha media anual superior ós 110 millóns de quilos, unha quinta parte do total que se recolle en Galicia, polo que a praga pode supor unha parálise dun piar da economía da comarca”, asegura.
Os socialistas alertan de que a tardanza co real decreto está creando moita inquedanza, así coma unha situación de inseguridade xurídica, xa que a tempada de plantación da pataca está a piques de comezar. “A descoordinación é absoluta. O Ministerio non publica o real decreto e a Xunta vincula as medidas realmente eficaces á publicación dese real decreto”. Ante estes feitos, o PSdeG-PSOE reclama xa o real decreto que, entre outras medidas, obrigará a arrincar e destruír todos os cultivos nas zonas afectadas.