Múltiples eventos terán lugar na cidade para homenaxear a Carlos Casares, a que lle adican o Día das Letras Galegas este ano.

Ourense, con Carlos Casares

O Concello de Ourense volcarase este ano na celebración do Día das Letras, dedicado ao fillo predilecto da cidade, Carlos Casares. A concelleira de Cultura e Educación, Belén Iglesias, participou esta mañá, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, na presentación do programa de actividades que ao longo deste ano lle renderán homenaxe en Galicia ao escritor ourensán.

O Concello, afirmou Belén Iglesias,“recibe este ano cunha especial ledicia a celebración do Día das Letras”, dedicada a unha persoa que “pola súa obra artística, a súa presenza e compromiso intelectual, forma parte substancial e imprescindible do Ourense do século XX e da herdanza que a súa pegada segue a deixar no século XXI”.

O salón de plenos acollerá, o día 18 de maio, un acto solemne de homenaxe con motivo da celebración do Día das Letras. Contará coa participación da familia, á que se lle fará entrega dun pergamiño conmemorativo desta celebración. A continuación celebraremos un acto público, aberto a toda a cidadanía, no que descubriremos unha placa en homenaxe a Carlos Casares, realizada polo escultor ourensán Xosé Cid. Será nun lugar moi especial: a Praza de Bispo Cesáreo, onde se atopan a sé do Liceo.

Completarase así -sinalou- a “sentida e cálida homenaxe” que a cidade de Ourense vén tributando a Casares desde o ano 2003, cando a Corporación municipal aprobou por unanimidade incoar o expediente de honra que concluíu o día 4 de abril dese ano co seu nomeamento como fillo predilecto.

Carlos Casares será o eixo da programación cultural da cidade, con diferentes iniciativas de divulgación da súa obra entre todos os públicos:
Os mundos de Carlos Casares. Ourense será a primeira parada de “Os mundos de Carlos Casares”, exposición central sobre a figura, a obra e o tempo do autor, que percorrerá Galicia durante o mes de decembro para amosar contidos audiovisuais, paneis textuais explicativos, obxectos cotiás, documentos, pezas históricas e fotografías que convidan a percorrer as diferentes épocas do escritor.

Roteiro
Unha ruta literaria percorrerá a xeografía vital e literaria de Casares na cidade, con parada nos escenarios emblemáticos da súa traxectoria. Escolares de Primaria coñecerán este roteiro cunha charla o 8 de maio no Auditorio.

Concerto das Letras
O Auditorio será tamén escenario, o 16 de maio, do Concerto das Letras, que promove o Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello, o Consorcio de Santiago e do Consorcio para a Promoción da Música. A Real Filharmonía de Galicia e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica, baixo a dirección de Maximino Zumalave, que interpretarán diferentes obras sobre textos de autores galegos ou de temática galega. No marco do concerto estrearase a obra Formiga, de Rubén Vizcaino, a partir dun texto do libro A galiña azul.

Lectura Pública e actividades apra cativos. Coincidindo co Día das Letras, o Concello convidará a cidadanía a participar nunha lectura pública de textos de Casares, nunha xornada que incluirá música e un obradoiro infantil, o 17 de maio, na Sala Valente e rúa do Paseo. O alumnado de primaria e de secundaria participará nun recital literario público promovido polo Concello, no que lerán micro-relatos escritos para a ocasión, do 15 ao 19 de maio, na Praza de San Martiño. Tamén haberá obradoiros nos que nenos e nenas traballarán cos contos Cal é a miña cor? e Un polbo xigante para animar á lectura e crear marca-páxinas. Serán do 15 de maio ao 19 de maio de 2017, nas bibliotecas municipais de Ourense.

Simposio Carlos Casares
Finalmente, a cidade será un dos escenarios do Simposio Carlos Casares que a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Carlos Casares, co apoio da Xunta, desenvolverán, como peche de 2017, con conferencias e relatorios sobre a vida e a obra do escritor, no que especialistas e investigadores abordarán a súa traxectoria vital, literaria e de xestión política e cultural, así como o seu papel na proxección exterior da cultura galega.

“Homenaxe institucional, placa de lembranza, exposición, roteiro literario, concerto das letras, lectura pública, recital de escolares, obradoiros infantís e simposio -manifestou Belén Iglesias- forman un completo programa que pretende enriquecer a oferta cultural da nosa cidade, pero por riba de todo, facerlle xustiza a Carlos Casares, ese sensacional autor e inesquecible persoa, fillo predilecto da cidade, cuxa pegada e legado segue presente en toda a cidadanía de Ourense”.